Redacción.- A primeira sesión das XI Xornadas
Interxeracionais de Cabreiros tivo un protagonista indiscutible, o político e activivista tristemente
desaparecido Anxo Guerreiro Carreiras (Xermade, 1945 - A Coruña, 2013), que estivo moi
presente ao longo de toda a xornada, tanto por parte dos que destacaron a súa
figura como polos asistentes que quixeron coñecer un pouco máis a súa
traxectoria política e vital.
Trala inauguración oficial, a cargo do alcalde en funcións, Tomás Rodríguez, e
representantes da asociación de veciños de Cabreiros, USC, Nova Escola Galega e
o Colexio de Educadores Sociais de Galicia, chegou a quenda dunha mesa redonda
en torno a Geluco, como
era coñecido popularmente Guerreiro.
O moderador, o xornalista chairego Moncho Paz,
encargouse de desculpar a ausencia do ex-presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño
e do ex-conselleiro Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, que non puideron acudir ao evento por motivos persoais. Aínda así, quixeron destacar a «política que serve
par unir, transformar e prosperar» que practicaba Guerreiro, segundo Touriño,
ou a súa condición de «político coherente e fondamente convencido das súas
ideas, un político de convivencia», que lembrou Portomeñe na súa nota de adhesión ao acto.
A mesa redonda abriuna o sindicalista Xan María Castro Paz, que fixo un apunte biográfico e unha contextualización da época na que viviu Geluco, antes de formar parte da política
activa no Parlamento galego, á que chegou co obxectivo de «buscar espazos de
unidade dentro dá esquerda galega».
Pola súa banda, o ex-parlamantario nacionalista Camilo Nogueira
Román destacou a aposta de «creación desde ou Parlamento da idea de Galicia»
que tiña Anxo Guerreiro. A primeira sesión das Xornadas Interxeracionais de
Cabreiros -que continuarán os días 6 e 13 de xuño- pechouse coa intervención do
presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, que lembrou a Geluco
como alumno cheo de «talento, seguridade, espírito pedagóxico e gran didactismo
á hora de escribir», o que lle serviu na súa faceta de político.
0 comentários :
Danos a túa opinión