Escribo
con sentimento e admiración fondos e quizais con pouca autoridade. Por iso
quero que os que coincidades comigo nesta xusta petición vos sumedes á mesma, e
fagades chegar á RAG este, coido que compartido, desexo.
Non
quero descubrir Mediterráneos, que ben descubertos están, pero os méritos que
avalan esta petición son máis que sobrados.
Don
Ricardo Carballo Calero foi excelente poeta, magnífico novelista, cultísimo
ensaísta, destacado lingüista, concienzudo profesor e catedrático, coherente
político e insuperable investigador da nosa Historia literaria.
A súa
“Historia da Literatura Galega Contemporánea” é un logro elevadísimo da mesma.
Nas diversas ocasións que tiven que facer uso dela xamais me defraudou. É
asombrosa a cantidade de datos que se recollen nela. Coido que o sabemos, igual
ca min, todos.
Vou
empregar a prol de Don Ricardo Carballo Calero dous autores nestas datas moi
homenaxeados. O primeiro e Ramón Piñeiro. En LAR, Revista de la Asociación Gallega de Beneficiencia y Mutualidad,
en conmemoración de “DÍA DE GALICIA”,
Número extraordinario de 25 de Julio de 1.956, Buenos Aires, Año XXII,
Nos. 272-73-74, escribe, entre
outras moitas eloxiosas frases: “A empresa de someter a nosa creación literaria
moderna a ordenada craridade valorativa, non era cousa doada” (…) “tiña que ser un poeta quen a levase a cabo.
Mais ocurre que os poetas cuia sensibilidade instintiva e creadora garde
equilibrio co-a lucidez e mail-a ouxitividade crítica son moi poucos. Tan
poucos que a súa aparición pódese considerar esceicional. Na España contemporánea,
o caso máis ilustre e conocido é o de Dámaso Alonso. AFORTUNADAMENTE, NA
GALICIA CONTEMPORÁNEA TAMÉN CONTAMOS CON UN SOIO PRO EMINENTE: RICARDO CARBALLO
CALERO”. (As maiúsculas son miñas). (…)”Das tres obras citadas (sinalo eu: “Sete
Poetas”, “Aportaciones a la literatura gallega contemporánea” e “La Poesía
Gallega del Siglo XX”) a máis completa e fundamental é “Aportaciones a la
literatura gallega contemporánea” (…) “Nela desenrola Carballo a valoración
máis seria, máis aguda e máis lúcida que se ten feito sobre o conxunto da nosa
literatura moderna”. E sigue Piñeiro con fundadas loanzas e loanzas, cuia
lectura aconsello e subscribo totalmente, e aínda máis cando a obra foi
publicada en galego.
E Don
Xosé Filgueira Valverde, no VI-Adral,
Edicións do Castro, 1.990, páxinas 306-307, escribe, na colaboración 67,
titulada RICARDO CARBALLO CALERO, co seguinte subtítulo “Na morte de Ricardo,
cas lembranzas dos tempos do “Seminario de Estados””, repito escribe: “En
Carballo Calero axuntábase o creador literario de poemas e narracións, o
crítico e erudito historiador das letras” (...) “participou nos traballos das
normas ortográficas e morfolóxicas e no Anteproxecto do Estatuto de Galicia de
1.931, con Tobío, Risco, Bóveda e Paz Andrade. Ocupou con dilixencia postos
directivos: segredario, conselleiro…” (…)“a súa lírica abondaríalle para que
tivese un posto nos fastos das nosas letras” (…) “Tal que os Mestres da
“xeneración Nós”, exerceu o cultivo da fala en tódalas formas literarias, e non
só na oratoria académica e na lírica, senon no relato e no teatro”. E siguen os
eloxios como profesor no “Rosalía de Castro”, catedrático na Universidade,
“sempre en cursos, coloquios e conferencias”. “Tiven a honra –di Filgueira- de
presidir as súas brillantes oposicións á cátedra de “Lingüística y Literatura
Gallega” de Compostela no ano 1.972”. Eloxia os “Sete poetas galegos”, o
“Brevario antolóxico”, a “Gramática elemental do galego común”, a “Historia da
Literatura Galega Contemporánea”, os tres volumes de “Prosa”, e os dous libros
de “Libros e autores galegos”.
0 comentários :
Danos a túa opinión