Ramón Chao chega ao Paseo dos Soños


Redacción.- O escritor e xornalista Ramón Chao (Vilalba, 1935) recibirá o vindeiro 28 de agosto unha homenaxe popular na súa vila natal, como recoñecemento á súa traxectoria vital e profesional. O acto terá lugar no Paseo dos Soños da capital chairega, comezando ás 12 horas coa recepción que lle farán amigos e vecinos no Muíño do Rañego, onde se celebrará unha mesa redonda na que intervirán os representantes das entidades promotoras: Afonso Blanco Torrado (Asociación Cultural Xermolos); David Otero (Irmandade Manuel María da Terra Chá); Moncho Paz (xornal A Voz de Vilalba); Manuel Castro Santamariña (Instituto de Estudos Chairegos) e Juan Luis Pérez Alvajar (Ateneo Republicano de Galicia). O evento, que será conducido polo xornalista Xulio Xiz, conta coa colaboración do Concello de Vilalba.

O Comité Organizador quere destacar de xeito moi especial o feito de que nesta ocasión se produza a xuntanza de varias asociacións para darlle pulo ao recoñecemento da figura de Chao, afincado en París desde mediados da década de 1950 e que nunca perdeu o contacto coa súa Terra, facendo unha permanente reivindicación da nosa cultura e da nosa lingua, como queda patente no conxunto da súa obra. 

A continuación, os asistentes acompañarán a Ramón Chao (ao son da música de Mini e Mero, da frauta traveseira de Luis Soto e da gaita de Raúl Galego) ata a escultura conmemorativa -obra de Valdi- que quedará para sempre formando parte da paisaxe no Hectómetro Literario do Paseo dos Soños. Este encontro arredor do escritor e a súa obra -onde Vilalba sempre estivo presente- rematará cun xantar de confraternidade no restaurante A Nova Ruta; neste senso, a organización aconsella efectuar reserva previa no teléfono 646 413890.

Ramón Chao naceu en Vilalba en 1935 e criouse tocando o piano na fonda que rexentaban os seus pais, onde adoitaban parar figuras como Cunqueiro. Sendo bolseiro polo Concello de Vilalba e a Deputación de Lugo, trasladouse a Madrid para estudar piano, harmonía e bacharelato. De Madrid foise a París cando tiña vinte anos, con outra bolsa do Goberno español. Na capital francesa fíxose xornalista, entrando a traballar en Radio France “porque falaba galego”, segundo confesa, “pois buscaban un locutor que soubera música e portugués”.

En París, Ramón Chao dirixiu emisións radiofónicas na nosa lingua, que serían prohibidas por Franco, e foi correspondente da revista Triunfo. Tamén traballou na prensa e na televisión francesas e foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico Literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique, publicación mensual dirixida polo xornalista Ignacio Ramonet. Conta no seu haber con máis de vinte libros, entre novelas e biografías, un deles escrito en galego, O Camiño de Prisciliano, con cuberta deseñada polo artista Miquel Barceló. Asemade, a súa novela El lago de Como, publicada en 1982, foi traducida ao galego en 2008. Na actualidade é o presidente da Asociación de Amigos de Prisciliano.

Noutra orde de cousas, dicir que o escritor chairego afincado en París- e pai do cantante Manu Chao- tamén será recibido o xoves 27 no Concello de Compostela polo seu alcalde, Martiño Noriega. O encontro terá lugar no Pazo de Raxoi ás 9:30 horas da mañá.

25 de ago. de 2015

Presentación de 'Vilalba e a Terra Chá'

Redacción.-

O venres, día 28 de agosto de 2015, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da CASA DA CULTURA de VILALBA, levarase a cabo a presentación do libro “VILALBA E A TERRA CHÁ – Acuarelas”, editado polo Instituto de Estudos Chairegos e do que é autor o pintor vilalbés EDUARDO BAAMONDE. O libro está incluído no convenio que o Iescha asinou no seu momento coa Área de Cultura e Turismo-Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo para desenrolar no presente ano 2015.

No acto intervirá o propio autor da obra, EDUARDO BAAMONDE, que será presentado pola vicepresidenta do Instituto de Estudos Chairegos, MARISA BARREIRO.

Esta publicación enmárcase dentro dun proxecto editorial de carácter promocional e divulgativo do xénero coñecido como “Cadernos de viaxe”, nos que o contido é fundamentalmente visual e froito da observación directa a pé de rúa.Trátase de trasladar ao soporte de libro un percorrido artístico pola Terrachá e, especialmente, por Vilalba. A intención é trazar unha guía de localizacións de interese patrimonial, paisaxístico, arquitectónico e, en definitiva, cultural desta comarca a través de bosquexos feitos en acuarela. Paralelamente aos fitos de maior interese turístico –sobradamente reproducidos en fotos, vídeos, etc.- engádense outros recantos menos coñecidos que, sen dúbida, axudan a retratar unha terra, os seus traballos, os seus productos e a as súas xentes.

Tanto os debuxos como as acuarelas deben mostrar un aire de espontaneidade propio dos apuntes sacados do natural. Pequenas improntas realizadas in situ e escenas sinxelas froito dunha rápida
observación que nutren un caderno que o artista vai configurando a medida que percorre a súa viaxe.

23 de ago. de 2015

Romaría? Labrega? Da Chaira?

Antón de Guizán.-

Levo varios anos asistindo á Romaría Labrega da Chaira nos Vilares, en Guitiriz. Este mesmo ano leva cumprido 25 edicións, o que non é pouco e polo tanto tremendamente meritorio nos tempos que corren.

A Romaría ten acadado un éxito importante desde a súa creación aló por 1990, no mesmo ano do pasamento do poeta vilarego Xosé María Díaz Castro e por ela pasaron numerosos grupos do noso folclore, importantes pregoeiros e sobre todo, recrearonse numerosas tarefas e xogos do rural chairego que fixeron as delicias dos asistentes ao longo dos anos como así reflexa a memória gráfica e o boca a boca dos veciños.

Eu, asistente tardío, xa non vivín ese esplendor nos últimos anos, e aínda así, son testemuña directa dunha paulatina decadencia desta festa etnográfica e cultural.

Xa non vivín a recreación das mallas, as familias que asistían ao xantar campestre foron diminuíndo e os xogos tradicionais foron deixando paso a colchonetas, inchables e mesmo xogos de espuma algún ano para os máis cativos.

Non hai exposicións de oficios tradicionais, teñen traído exhibicións de cans de pastoreo de ovellas e patos de Navarra, de pouca tradición na Chaira, exhibicións de todo terreos 4x4 no monte e mesmo as segadoras deixaron de ruxir por falta de participantes.

Non hai gaiteiros e a música tradicional foi suplantarda por dúos máis apropiado para ceas baile de restaurante que para un evento ligado ao medio rural.

Quedan só concursos de cans, de Sega de gadaña e poucas máis actividades que teñan que ver coa tradición labrega e chairega, mesmo teñen desaparecido concursos sinxelos como os de tirar da corda, carreiras de sacos ou os que se viron algún ano de apuxar rolos de herba.

A asistencia non a motiva a Romaría en si senón actividades moi concretas como as carreiras a pé de atletas que rematada a proba marchan de contado e o mesmo ocorre coas competicións de cabalos ou as dos 4x4 no monte.

A Romaría vai polo tanto deixando cada ano de ser Romaría, deixando de ser Labrega e deixando de ser Chairega no sentido tradicional da Terra Chá. Mentras, vemos como noutros lugares gañan arraigo as celebracións máis vinculadas á terra, ao rural, á tradición e á cultura propias...

Este ano a Asociación de Veciños ten solicitado a declaración de festa de interese turístico mentras ese posible interese decae polo abandono das orixes desta festa popular máis pendente de acadar público circunstancial organizando espectáculos de dubidoso encaixe na filosofía dunha celebración de carácter tradicional bebedora da desaparecida Feira do Sete e da historia e culturas chairegas.

Hoxe, o que en boa lóxica debera contar con exhibicións de oficios labregos, xogos populares para nenos e maiores, concursos do campo e mesmo promover a participación activa de tódolos veciños orgullosos da súa parroquia, tense convertido nunha carreira atlética federada, de hípica, de vehículos que destrozan o monte e de música de bachata ou hinchabeis que os máis cativos poden atopar en calquer festa.

A cultura, a tradición, a etnografía chairega, deixaron paso á mediocridade e a vulgaridade e o interese turístico resulta máis que dubidoso.

Aínda, despois de 25 meritorios anos de existencia se pode mudar o rumbo e beber do pasado da Romaría Labrega da Chaira para retomar un futuro explendoroso doutros 25 anos volvendoa necesaria, porque agora mesmo tense convertido en prescindible.

Visitantes tan importantes como Manuel María, pregoeiros tan admirables como Xulio Xiz, Tareixa Novo, Luís de Patricio, Marica Campo, o mesmo Segundo López e outros moitos e participantes de grupos como os Diplomáticos de Monte Alto, os Cuchufellos, Leilía e membros de numerosas agrupacións tradicionais etc, serían partícipes deste cambio e por suposto os máis importantes, numerosos veciños e veciñas que deixaron de encher a carballeira para o xantar campestre de ducias de familias en convivencia e alegría.

Contanme algúns veciños de tempos nos que era dificil coller sitio para xantar e hoxe o panorama antóxase moi diferente. A asistencia ao xantar (verdadeira medida dunha romería popular) agás actividades puntuais de certos espectàculos decaeu cada ano e o interese parece máis posto en ideas alonxadas da filosofía orixinal que no propio nome e concepto da Romaría Labrega da Chaira.

Tentar competir e amitar festas que non teñen nada que ver e non apostar pola idea na que foi concebida, pode levar á desaparición ou o que sería peor, à homologación con calquera festa parroquial sin máis interés que para os propios organizadores e o seu entorno màis achegado.

A Romaría Labrega da Chaira merece recuperar a súa identidade, a súa razón de ser, e toca xusto agora, no remate dun cuarto de século que supoña unha renovación que bebe das raíces, do máis fondo do respeto ao que somos, do respeto e admiración a nós mesmos, á orixe Labrega, chairega e galega.  Doutra maneira, non paga a pena.

Lembrando a Avelino Pousa Antelo

Redacción.-

COA COLABORACIÓN DO CONCELLO DE TEO, CONCELLO DE NEGREIRA e ASOCIACIÓN CULTURAL AFONSO EANESDE BARCALA.

ACTOS DA MAÑÁ DO XOVES 20 DE AGOSTO DE 2015

En Teo

 

12:00 hs. ACTO DE ENTREGA DO PREMIO "CAXATO DE AVELINO" NO SALÓN DE PLENOS DA CASA DO CONCELLO DE TEO

1. RECEPCIÓN DO ALCALDE DO CONCELLO DE TEO, Rafael Sixto Edreira, aos participantes no ACTO DE ENTREGA.

2. INTERVENCIÓN DE NAVIA RIVAS DE CASTRO: "UN SIGNIFICADO DE AFECTO E HONRA DO PREMIO CAXATO DE AVELINO".

3. LECTURA DA ACTA DE OUTORGAMENTO DO PREMIO á Parroquia de Sta María de Arzúa.

4. INTERVENCIÓN DE SARA TORREIRO: "A Parroquia de Sta María como veciñanza e proxecto de construción social na Arzúa"

5. ENTREGA DO PREMIO Á PARROQUIA DE STA. MARÍA DA ARZÚA.

6. INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA ASOC. PARROQUIAL.

7. INTERVENCIÓN DUN MEMBRO DA FAMILIA POUSA .

De seguido iremos ao PASEO AVELINO POUSA DOS VERXEIS.

 

ACTOS DE MEMORIA E HONRA AVELINO POUSA

 

ACTO DE MAÑÁ no PASEO AVELINO POUSA DOS VERXEIS-TEO

1. Intervención musical a cargo de Raul "O gaiteiro nubeiro"

2. Intervención en nome dos asistentes de MINI E MERO

3. Intervención da familia POUSA.

4. Clausura do Acto por parte da Concelleira de Cultura do Concello de Teo, Pilar Faxilde.

 

En Seoane (San Xoán de Barcala), Concello da Baña:

 

14:30 hs. Xantar de irmandade. Casa Salvador

 

ACTO DA TARDE:

En Negreira

 

 

18:30 hs. ACTO DE BEN E ESTIMA, "MEMORIA SEMPRE".

Monólito Avelino Pousa Antelo, Rúa de Castelao, á beira do CEIP O COTO DE NEGREIRA.

1. Intervención de Xoán Xosé Fernández Abella

2. Intervención de Alfonso Blanco Torrado de AC Xermolos.

3.do presidente da A C Afonso Eanes,Guillermo Vidal Fonseca.

4. Intervención de X. Amancio Liñares Giraut, "AVELINO NA NOSA MEMORIA SEMPRE"

5.Intervención da familia POUSA.

6. Intervención de MINI E MERO

7. Intervención do Alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño.

8. Cantamos o noso Himno Nacional Galego.

 
ORGANIZAN:

Irmandade Avelino Pousa

Irmandade Manuel María da Terra Cha

Asociación Cultural Xermolos
 

16 de ago. de 2015

II Certame Mª José Vázquez Verdes

Redacción.- As Xuventudes Socialistas de Vilalba veñen de facer público o fallo do xurado do II Certame Mª José Vázquez Verdes, proclamando a Vanesa Otero Orosa como gañadora na categoría xeral co seu relato “Vida por vida”. Pola súa banda, Inés Poupariña Naseiro faise co premio na categoría infantil polo relato “Tempo de desconto”.

Nesta segunda edición do certame publicaranse nun libro un total de seis traballos finalistas xunto cos dous relatos gañadores de ámbalas dúas categorías: “É igual” de David Sobral; “About the motel, dear” de Manu Gil; “Os ollos dos espírito”, “A encrucillada do tempo” e “Feireante de palabras de fume” de Isabel Blanco; e “A casa encantada” de Zaida Currás. A data da entrega de premios e da publicación do libro están aínda por confirmar.


Os rapaces e rapazas da agrupación vilalbesa agradecen a todos os participantes a súa contribución a este certame e á cultura galega, xa que en palabras do secretario xeral Rodrigo Pavón “todas as obras presentadas fan que a nosa cultura medre e certifican que nunha vila como a nosa a creación literaria precisa ter o protagonismo que merece”. Ademais, agradecen a colaboración dos membros do xurado: o xornalista Moncho Paz; a profesora no IES Basanta Silva, Carmen Cabaneiro; e o membro da directiva do Instituto de Estudos Chairegos, Chema Felpeto.

8 de ago. de 2015