Redacción.- O
escritor e xornalista Ramón Chao (Vilalba, 1935) recibirá o vindeiro 28 de
agosto unha homenaxe popular na súa vila natal, como recoñecemento á súa
traxectoria vital e profesional. O acto terá lugar no Paseo dos Soños da
capital chairega, comezando ás 12 horas coa recepción que lle farán amigos e
vecinos no Muíño do Rañego, onde se celebrará unha mesa redonda na que
intervirán os representantes das entidades promotoras: Afonso Blanco Torrado
(Asociación Cultural Xermolos); David Otero (Irmandade Manuel María da Terra
Chá); Moncho Paz (xornal A Voz de Vilalba); Manuel Castro Santamariña
(Instituto de Estudos Chairegos) e Juan Luis Pérez Alvajar (Ateneo Republicano
de Galicia). O evento, que será conducido polo xornalista Xulio Xiz, conta coa
colaboración do Concello de Vilalba.
O Comité Organizador quere destacar de xeito moi especial o
feito de que nesta ocasión se produza a xuntanza de varias asociacións para
darlle pulo ao recoñecemento da figura de Chao, afincado en París desde
mediados da década de 1950 e que nunca perdeu o contacto coa súa Terra, facendo
unha permanente reivindicación da nosa cultura e da nosa lingua, como queda
patente no conxunto da súa obra.
A
continuación, os asistentes acompañarán a Ramón Chao (ao son da música de Mini
e Mero, da frauta traveseira de Luis Soto e da gaita de Raúl Galego) ata a escultura conmemorativa -obra de Valdi- que quedará
para sempre formando parte da paisaxe no Hectómetro Literario do Paseo dos
Soños. Este encontro arredor do escritor e a súa obra -onde Vilalba sempre
estivo presente- rematará cun xantar de confraternidade no restaurante A Nova
Ruta; neste senso, a organización aconsella efectuar reserva previa no teléfono
646 413890.
Ramón
Chao naceu en Vilalba en 1935 e criouse tocando o piano na fonda que rexentaban
os seus pais, onde adoitaban parar figuras como Cunqueiro. Sendo bolseiro polo
Concello de Vilalba e a Deputación de Lugo, trasladouse a Madrid para estudar
piano, harmonía e bacharelato. De Madrid foise a París cando tiña vinte anos,
con outra bolsa do Goberno español. Na capital francesa fíxose xornalista,
entrando a traballar en Radio
France “porque falaba
galego”, segundo confesa, “pois buscaban un locutor que soubera música e
portugués”.
En París, Ramón Chao dirixiu emisións radiofónicas na nosa lingua, que serían prohibidas por Franco, e foi correspondente da revista Triunfo. Tamén traballou na prensa e na televisión francesas e foi nomeado Cabaleiro das Artes e das Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico Literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique, publicación mensual dirixida polo xornalista Ignacio Ramonet. Conta no seu haber con máis de vinte libros, entre novelas e biografías, un deles escrito en galego, O Camiño de Prisciliano, con cuberta deseñada polo artista Miquel Barceló. Asemade, a súa novela El lago de Como, publicada en 1982, foi traducida ao galego en 2008. Na actualidade é o presidente da Asociación de Amigos de Prisciliano.
Noutra orde de cousas, dicir que o escritor chairego afincado en París- e pai do cantante Manu Chao- tamén será recibido o xoves 27 no Concello de Compostela polo seu alcalde, Martiño Noriega. O encontro terá lugar no Pazo de Raxoi ás 9:30 horas da mañá.
0 comentários :
Danos a túa opinión