Redacción.- As
Xuventudes Socialistas de Vilalba veñen de facer público o fallo do xurado do II Certame Mª José Vázquez Verdes,
proclamando a Vanesa Otero Orosa como gañadora na categoría xeral co seu relato
“Vida por vida”. Pola súa banda, Inés Poupariña Naseiro faise co premio na
categoría infantil polo relato “Tempo de desconto”.
Nesta segunda edición do certame publicaranse nun libro un
total de seis traballos finalistas xunto cos dous relatos gañadores de ámbalas
dúas categorías: “É igual” de David Sobral; “About the motel, dear” de Manu
Gil; “Os ollos dos espírito”, “A encrucillada do tempo” e “Feireante de
palabras de fume” de Isabel Blanco; e “A casa encantada” de Zaida Currás. A
data da entrega de premios e da publicación do libro están aínda por confirmar.
Os rapaces e rapazas da agrupación vilalbesa agradecen a
todos os participantes a súa contribución a este certame e á cultura galega, xa
que en palabras do secretario xeral Rodrigo Pavón “todas as obras presentadas
fan que a nosa cultura medre e certifican que nunha vila como a nosa a creación
literaria precisa ter o protagonismo que merece”. Ademais, agradecen a
colaboración dos membros do xurado: o xornalista Moncho Paz; a profesora no IES
Basanta Silva, Carmen Cabaneiro; e o membro da directiva do Instituto de
Estudos Chairegos, Chema Felpeto.
0 comentários :
Danos a túa opinión