Redacción.- Maná xoves, ás 20 horas, terá lugar en Outeiro de Rei a
proxección do documental “Dos gaiteiros do mar” e a presentación musical de “Contos
do Mar de Irlanda”, a cargo de Xurxo Souto (A Coruña, 1966), artista
polifacético: cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor.
Un día Xurxo sentiu unha terrible falta de ignorancia. A pesar de vivir nunha cidade-barco, A
Coruña, nunca ninguén lle tiña falado do mar. Decidiu facer algo elemental:
preguntar. E axiña apareceu o océano por todos os currunchos. Desta descuberta
xurdiu “Contos do Mar de Irlanda”. E deste
libro, un documental “Dos gaiteiros do mar”, realizado na compaña de Martín
Rodas e Daniel Lavesedo.
“Océano para terrícolas” é unha sesión de iniciación
atlántica. Inclúe, alén da proxección, un espectáculo radicalmente interactivo,
porque os asistentes coñecen e –inmediatamente- interpretan cancións que
naceron no Gran Sol e Terranova. Corpus sonoro da Galicia do mar que comeza a
arribar a porto.
Até o momento Souto ten realizado unhas setenta representacións
por todo o país. Tamén en xeografías máis distantes como Lisboa, Bruxelas ou
Barcelona. Agora –con humildade e
vehemencia- recala na casa do autor de “Mar Maior, o
poeta Manuel María.
Da Coruña á Terra Chá,
MEDRE O MAR!
0 comentários :
Danos a túa opinión