[S8] Mostra de Cinema Periférico

Redacción.-

O estadounidense Saul Levine e os británicos William Raban e Nicky Hamlyn, considerados tres nomes claves do cinema de vangarda, daranse cita na Coruña como convidados de honor da (S8) Mostra de Cinema Periférico, que celebrará a súa sétima edición do 1 ao 5 de xuño. A organización presentou hoxe os principais contidos desta programación, na que tamén destacan a ollada cara ao novo impresionismo cinematográfico, un especial sobre cineastas galegas e a segunda edición do encontro de programadores de festivais, entre outras citas.

O encontro coruñés é un dos seis eventos subvencionados este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da convocatoria de axudas a festivais audiovisuais que mantén a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O apoio da Xunta de Galicia esténdese tamén á colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) como unha das sedes habituais da mostra.

Así o explicou hoxe na Coruña o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen participou nesta presentación xunto ao concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande; a vicepresidenta e deputada de Cultura da Deputación Provincial, Goretti Sanmartín; a directora da Área de Acción Cultural de Afundación, María Teresa Cores; e o director do festival, Ángel Rueda.

Súper 8
Jacobo Sutil destacou a consolidación do festival como unha das principais citas galegas coa vangarda cinematográfica e gabou a interesante programación deste ano, tanto para o público cinéfilo como para o xeral, que presenta por primeira vez en Galicia moitas das propostas seleccionadas. Así, por exemplo, a (S8) traerá á Coruña tres mestres internacionais, dos que se proxectarán diferentes sesións especiais no CGAI. É o caso do estadounidense Saul Levine, quen desde finais dos sesenta emprega como ferramenta fundamental o Súper 8, xuntando o chamado ‘cine diarístico’ coa busca formal e a militancia política.

Terán así mesmo un gran protagonismo dous creadores ligados á mítica London Filmmakers Co-op. Dunha banda, o veterano William Raban, quen ademais impartirá o sábado 4 no auditorio de Afundación unha clase maxistral sobre ‘Tempo e materialidade no cine’, que incluirá o filme-performance ‘Take Measure’. Doutra, Nicky Hamlyn, quen tamén estreará na Coruña outro filme-performance feito especificamente para o festival.

Baixo o título ‘Os novos impresionistas’, a (S8) reúne ademais unha serie de cineastas experimentados e emerxentes para os que resulta esencial a experimentación coa luz e a exaltación das calidades pictóricas do cinema. Xiran arredor deste tema os programas sobre o canadense Stephen Broomer, o francés Jaques Perconte ou a pioneira francesa Germaine Dulac, entre outras sesións.

Cinema galego
Este ano a Mostra de Cinema Periférico aposta igualmente polas creadores galegas a través do foco especial que lle dedica a Xiana Gómez-Díaz, co-fundadora da produtora Walkie Talkie Films, e dunha mesa redonda arredor do proxecto ‘Cinema e muller’, de Xisela Franco e Beli Martínez, na que participarán a propia Xiana Gómez-Díaz, Diana Toucedo, Carla Andrade, Jaione Camborda e Margarita Ledo. Este encontro culminará coa proxección do filme colectivo ‘Visións’, realizado como parte do devandito proxecto.

O cine galego tamén é obxecto da sección ‘Sinais en curto’, que exhibirá no CGAI unha escolma de curtametraxes entre as que se atopan os proxectos realizados dentro da segunda edición da iniciativa ‘Chanfaina Lab’, así como os últimos traballos de Xurxo Chirro, Gonzalo E. Veloso e Borja Santomé Rodríguez.

Martha Colburn, considerada a musa do collage fílmico; as sesións comisariadas polo festival L’Âge D’Or de Bruxelas e pola plataforma de creación artística canadense LIFT (Liaison of Independent Filmmakers of Toronto), ou a presentación da nova longametraxe documental de Andrés Duque, ‘Oleg y las raras artes’ son outras das citas desta sétima edición. Nela enmárcase, ademais, o II Encontro Internacional de Programadores de Festivais de Cine, que terá lugar no Palexco durante a última xornada da mostra.

Pola súa banda, a gala inaugural celebrarase o 30 de maio no Teatro Rosalía Castro cunha sesión de cine-concerto na que se proxectará unha copia restaurada de ‘O acoirazado Potemkin’, de Sergei M. Eisenstein, sonorizada en directo polo pianista Chris Jarrett.

24 de maio de 2016

0 comentários :

Danos a túa opinión