Redacción.- En relación á publicación, o pasado luns 26 de
setembro, dunha peza informativa sobre os resultados das eleccións ao
Parlamento de Galicia en El
Mundo, na que se recollían unha serie de topónimos deturpados, a Xunta de
Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lembra que a lei
3/1983 de Normalización Lingüística, no seu artigo 10, establece que "os
topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega". Tendo en
conta que lle corresponde á Xunta de Galicia determinar os nomes oficiais dos
concellos, núcleos de poboación e demais topónimos, as denominacións na lingua
autóctona son as únicas legais a todos os efectos.
O Colexio de
Xornalistas é consciente de que esta norma está destinada á administración
pública, mais semella coherente que os topónimos oficiais sexan usados de forma
xeralizada, cando menos por aqueles medios presentes na Comunidade Autónoma
Gallega. Asemade, mesmo tendo en conta que o Libro
de estilo de El Mundo establece que "os nomes de
poboacións de España [...] escribiranse en castelán, incluídas as poboacións
daquelas comunidades autónomas con outras lenguas oficiais, sempre e cando esta
denominación estea acreditada historicamente", e obviando a dificultade en
moitos casos de tal acreditación, resulta imposíbel considerar
"acreditadas historicamente" denominacións como "Guinzo de
Limia", "Pollo" ou "Nieves".
Esta non é a primeira
vez que o Colexio de Xornalistas tense que pronunciar diante da insistencia
dalgúns medios que tenden a castelanizar os topónimos galegos. Por iso, o
Colexio de Xornalistas chama a El
Mundo e ao resto de medios de
comunicación presentes en Galicia a usar en todo caso os topónimos galegos na
súa forma oficial, en lingua galega, que é aquela fixada pola Xunta de
Galicia.
0 comentários :
Danos a túa opinión