Redacción.- O
restaurante compostelán Mesón de Lázaro acollerá
o vindeiro xoves 1 de decembro, ás 21
horas, unha cea-coloquio con Xerardo
Estévez, arquitecto e ex alcalde de Compostela, que será o protagonista da
III edición das Noite(s) Xove(s), un evento no que diserta un convidado de prestixio sobre cultura e actualidade,
cun produto gastronómico de tempada como desculpa para a xuntanza e mailo
posterior debate. O prezo do
menú, elaborado especialmente para a ocasión, é de 20 euros, previa inscrición no teléfono 981 576525.
Esta “maridaxe de gastronomía e cultura”, así calificada por Pepe
Mata, propietario do Mesón de Lázaro, está coordinada polos xornalistas Moncho
Paz e Fermín Galindo, e nesta ocasión contará coa presenza do escritor e
filósofo Antón Baamonde, que será o
encargado de presentar a Xerardo Estévez e contextuali zar as súas etapas como
alcalde da cidade.
Xerardo
Denís Estévez Fernández (Compostela, 1948) é arquitecto
pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona. Establecido en 1972 en
capital de Galicia, exerceu como arquitecto e urbanista formando con outros profesionais
o equipo Oikos, e realizou traballos de investigación sobre arquitectura,
planeamento e patrimonio.
Foi deputado polo PSdeG-PSOE no Parlamento
galego entre 1981 e 1983 e, como membro da Comisión de Ordenación Territorial,
Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, participou na redacción da primeira
Lei do Solo de Galicia. Así mesmo, foi alcalde de Santiago de Compostela nos
períodos 1983-1986 e 1987-1998. Ademais, foi elixido deputado no Congreso dos
Deputados de España entre 1993 e 1996.
En 1999 reintegrouse á práctica
profesional, que simultanea coa súa actividade como conferenciante e escritor e
como profesor de másteres de urbanismo e patrimonio. É membro do Padroado do
Museo Nacional de Arquitectura e Urbanismo.
0 comentários :
Danos a túa opinión