"Receitario para unha traxedia" en Boiro.

Redacción. -

O  sábado 1 de Decembro, e ata o 10 de xaneiro, Luis Melón Arroyo volve á galería "La doce", en Boiro, a presentar "Receitario para unha traxedia".

"Receitario para unha traxedia" é un traballo de investigación "artística culinaria". O artista leonés realizará unha performance na que dará a probar aos asistentes unha das receitas.

Luis Melón Arroyo entra no mundo da gastronomía coma un xeito novo de contar historias. El mesmo recoñece tomar como punto de partida a reflexión de Ferrán Adriá recollida nos mandamentos de "El Bulli", un manifesto da cociña contemporánea, facendo fincapé no primeiro punto do mesmo: "A cociña é unha linguaxe mediante a cal pódese expresar harmonía, creatividade, felicidade, beleza, poesía, complexidade, maxia, humor, provocación".

Desde este punto de partida, Luis Melón realiza "receitario para unha traxedia" cimentada en catro alicerces básicos: a investigación, a gastronomía, a obra plástica e o libro de artista.

Trátase dun percorrido no tempo que, aglutinando fitos, receitas, obra plástica e performance, crea un fío narrativo dunha época escura do século XX en España e cupón, ao mesmo tempo, unha reflexión sobre a Guerra Civil, o franquismo, a Transición e a sociedade española.

Pódese falar,  sen dúbida, dun compendio de diferentes receitas gastronómicas máis ou menos realistas, pois así como algunhas son receitas reais, como as linguas de gato ou a tortilla de pataca sen ovo e sen pataca, outras foron modificadas, ben para darlles un contido crítico, como o leite frito, ou ben para adaptalas aos gustos actuais como é o caso dos nuggets de rata.

Este percorrido gastronómico lévanos por diferentes episodios que empezan cunha última cea da xeración do 27 no ano 1936 e a Guerra Civil, terminando no ano 1977 coa Matanza de Atocha xusto antes da chegada da democracia.

Cada un dos capítulos deste compendio gastronómico estrutúrase da seguinte maneira: Unha receita creada, rescatada ou transformada do receitario popular, un cartel sobre a mesma, un texto explicativo e ocasionalmente unha performance culinaria. Así cada receita funciona de xeito individual coma peza artística e, en conxunto, como receitario ou libro de artista.

Lugar
La Doce

Avd Constitucion nº12, Bajo
15930 Boiro


27 de nov. de 2018

0 comentários :

Danos a túa opinión