A Ramón Paz Guntín, in memoriam

María Xosé Lamas.-

Este domingo, 21, despois de subir do almorzo á habitación do hotel, onde me esperaba o traballo de preparar a equipaxe de volta de Berlín, soou un aviso de whatsApp no móbil. Era do amigo Moncho Paz comunicándome o falecemento de seu pai e, de súpeto, mergullei na nostalxia e na tristura.

Sempre lembrarei a tenda dos Marios, onde tres irmáns de mediana idade rexentaban un dos colmados máis importantes da vila, axudados por uns cantos empregados e empregadas simpáticas e solícitas, tanto despachando detrás do mostrador como traballando no obradoiro do soto onde se elaboraba o chocolate “Paz Cao” e os saborosos bolos de leite, cristiniñas, madalenas ou roscas que tiñamos que mercar por menos dun peso todos os domingos ao saír da misa das doce de obrigatorio cumprimento -unha desas rutinas da infancia que nunca se esquecen.


O establecemento estaba sempre cheo de xente que mercaba as viandas máis diversas; pois nos Marios había de todo, dende os seus produtos alimenticios selectos e os licores e viños que non se atopaban en ningún outro ultramarinos, até candeas, cestas, cerámica, paraugas e centos de útiles máis. As miñas primeiras lámpadas de salón de vimbio –que aínda conservo gardadas na casa da aldea- despachoumas o señor Ramón, así como unha cesta da feira que non hai moito que merquei.
Ademais posuía unha barra onde tomaban a mañá, o café de sobremesa e os viños do serán os máis asiduos ou almorzaba moita xente de paso que agardaba a partida do autobús na estación situada ao carón e que aproveitaba tamén para mercar os agasallos da súa viaxe en lembranza do paso pola vila.


Hai ben anos xa que esta casa exerce en Vilalba de anello lugar de comercio atendido con paixón por o noso inesquecíbel e benquerido señor Ramón, pois o tempo foi modificando os costumes de compra e actualmente mércase en supermercados, grandes superficies ou mesmo por internet. Mais a atención personalizada, o trato familiar ou a comunicación empática, perdeuse. Perdémola todas e todos os vilalbeses co pasamento de Ramón Paz Guntín.
Amigo Ramón, sempre na nosa lembranza!

Foto: Mario Paz González

25 de abr. de 2019

0 comentários :

Danos a túa opinión