Hoxe, contra a violencia de xénero

Redacción. -

A Asociación Feminista de Vilalba e o colectivo Feministas Da Terra Cha chaman a unha concentración na Praza da Constitución este luns 25 N ás 20:30 h, por ser esta a data na que se conmemora o Día Internacional pola Eliminación das Violencias contra as Mulleres. 

É preciso saír unha vez máis ás rúas para facer visíbel o noso rexeitamento de todos os tipos de violencia que se exercen contra as mulleres polo mero feito de selo, desde as máis identificadas como tales, como a violencia física ou psicolóxica- non podemos esquecer a nosa veciña Mari Carmen, asasinada este verán pola súa ex-parella, que tiña unha orde xudicial de afastamento- até doutras formas máis sutís desta violencia machista, pero perigosas de igual maneira por estaren asumidas e normalizadas pola nosa sociedade patriarcal.
Esiximos un cambio nas políticas, pero tamén un compromiso de toda a sociedade para acabar con TODAS estas violencias machistas.

Arredor desta data, había programadas outras actividades por parte destes colectivos feministas. Así, a Asociación Feminista de Vilalba  proxectou o día 16 de novembro o documental Volar, dirixido por Bertha Gaztelumendi e producido polo Instituto Vasco da Muller (Emakunde) e as Feministas da Terra Cha están levando a cabo unha campaña dirixida aos homes, Guía Feminista para homes. Eu non son cómplice!, na que- a través duns cartaces que están a repartir por algúns locais da vila- se invita aos homes a revisar algúns dos seus comportamentos machistas, adquirindo unha serie de compromisos para avanzar.

25 de nov. de 2019

0 comentários :

Danos a túa opinión