A Banda da Loba en Vilalba

Redacción. -

O Instituto de Estudos Chairegos, continuando coa programación prevista para este ano 2020, organiza un concerto musical a cargo do grupo A BANDA DA LOBA, presentando o seu novo traballo “FÁBRICA DE LUZ”.

O acto, que conta coa colaboración do Concello de Vilalba, terá lugar o sábado 29 de febreiro de 2020, ás 21:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba. A entrada será de balde.

A BANDA DA LOBA
Integrada por cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto, destaca a creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres ou 
outros textos tomados dos poemarios de escritoras contemporáneas. Todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk… e fai do seu repertorio un fantástico caleidoscopio musical. En decembro de 2017 saíu á rúa o seu primeiro traballo discográfico, “Bailando as rúas”, no que contaron coa produción musical de Adrián 
Saavedra e as colaboracións de Guadi Galego e Tanxugueiras. 

Tras o gran éxito acadado e despois de dar máis de setenta concertos en ano e medio, dentro e fóra do noso territorio, 
preséntannos agora o seu novo traballo, «Fábrica de luz».

Fábrica de luz é un traballo de creación, reflexión e homenaxe en torno á idea de nai entendida nun sentido amplo. A lingua 
e a terra, son as primeiras nais, fábricas de luz. As creadoras que nos precederon e as que nos acompañan nesta viaxe son tamén fábricas de luz. As nosas nais, as vosas nais, todas as nais son fábricas de luz. Son fogar, tempo e amor incondicional. Son poder, loita e memoria. Son todo o que nos permite ser hoxe 
tamén fábrica de luz.

18 de feb. de 2020

0 comentários :

Danos a túa opinión