Aprazada a manifestación de ganaderos

Redacción.-

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla apraza a manifestación que estaba convocada para o vindeiro martes, 17 de marzo, en Lugo ante a crise do coronavirus e as "medidas excepcionais" decretadas polas autoridades para evitar a propagación do virus.

Agromuralla considera "prioritario" na actual situación "contribuir a frear o Covid-19", unha tarefa, di, que corresponde ao conxunto da sociedade, polo que a asociación de gandeiros quere "sumarse aos esforzos colectivos por evitar a propagación do coronavirus" evitando "situacións de risco ou que supoñan aglomeracións de persoas non recomendadas polas autoridades sanitarias", polo que considerou "prudente e responsable" aprazar a manifestación convocada en defensa duns prezos xustos para os produtores "até que a alerta sanitaria teña desaparecido e a situación permita a celebración da mobilización en condicións normais".

Garantes da seguridade alimentaria

"Os agricultores e gandeiros somos os primeiros que nos responsabilizamos todos os días da saúde da poboación a través da produción de alimentos saudables", asegura Agromuralla a través dun comunicado difundido unha vez coñecidas as medidas establecidas polo Consello da Xunta desta mañá, que limitan a concentración de persoas tanto en espazos pechados como abertos.

A asociacion de gandeiros afirma que "a situación actual deixa patente a importancia fundamental que ten o sector agrogandeiro na produción de alimentos para a sociedade evitando deste xeito o desabastecemento da poboación", polo que considera que "igual que a saúde pública é tarefa de todos, toda a sociedade debe tamén defender o futuro dos que producimos os alimentos para a poboación a través duns prezos xustos que permitan aos agricultores e gandeiros vivir dignamente do seu traballo".

13 de mar. de 2020

0 comentários :

Danos a túa opinión