Redacción. -
Neste ano 2020 conmemórase o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. Alento Esbravexo é un grupo de persoas, que non quere deixar pasar esta data sen ofrecer a súa contribución e a de todas aquelas, dispostas a pór unha flor/peza nesta celebración. Por iso, convócase ao redor desta figura que representa en moitos aspectos (arte, artesanía, edición, empresas culturais e investigación a prol de fortalecer e recuperar a memoria) unha boa parte do século XX galego, e poñer en marcha esta tarefa colectiva tan necesaria.
BASES:
Poderán participar persoas a nivel individual, ou colectivos. No caso de ser un traballo en grupo, deberase indicar o nome deste e os participantes do mesmo, non habendo restricións en canto á idade, sexo,nacionalidade...
A continuación detállanse diversos tipos de documentos e como se deberán
enviar ao correo de Alento Esbravexo:
Obra plástica: cada participante deberá enviar varias imaxes da peza coa que quere participar, en alta calidade e en formato jpg.
Textos: No caso de ser texto deberase enviar en formato pdf. No seu defecto, admitiranse: .doc, .odt, .rtf.
Pezas musicais, textos lidos ou recitados, deberanse enviar en formato mp3, mp4 ou wav.
Vídeo, animación, danza, música con imaxe en movemento, performance, teatro, etc. os formatos serán: mp4, mkv, ou wma.
Cada participante (individual ou colectivo) poderá enviar un máximo de dúas obras, e estas poden ser do mesmo tipo ou diferente (isto é, pode presentar por exemplo, dous debuxos ou un debuxo e un texto...)
Xuntarase unha pequena ficha cos datos persoais (no caso de participantes a nivel individual) ou datos do colectivo e integrantes (no caso de colectivos), título da obra, técnica, etc. e cos que quere aparecer cando se faga público e un pequeno texto explicativo onde se describa o traballo presentado e se detalle en que está inspirado (peza plástica de Isaac, momento da súa vida ou a súa vida en xeral, escola de Isaac, etc.) o mesmo ca se fose unha reinterpretación dunha obra de Isaac ou escola do mesmo.
Establécese como data límite de entrega o 13 de agosto de 2020.
Estes dous documentos (obra presentada + datos persoais, da obra e texto explicativo), así como as dúbidas antes de mandalos, deberanse enviar a: alentoesbravexo@gmail.com
No caso de vídeos ou outro tipo de documentos demasiado pesados, deberase enviar unha ligazón descarga (existen webs tipo dropbox, wetransfer, etc. doados de usar onde se poden subir este tipo de documentos)
0 comentários :
Danos a túa opinión