XLVI Premio Modesto Figueiredo

1.FINALIDADE DO PREMIO
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do Concello de SILLEDA organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de "Premio Modesto R. Figueiredo”. Este certame organízase coa finalidade de promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o avogado pontevedrés Modesto R. Figueiredo.

2.REQUISITOS PARA PARTICIPAR
Poderán participar tod@s @s autor@s de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e que non se presentasen antes a ningún outro certame literario.

3.TRABALLOS QUE SE PODEN PRESENTAR
Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.

4.TEMPO E MODO DE PRESENTACIÓN
As persoas que participen deberán enviar os seus traballos por quintuplicado sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 20 DE NOVEMBRO de 2020 a algún destes enderezos:
FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO
Premio Narracións Curtas do Pedrón de Ouro
Apdo. de Correos, 627. Santiago de Compostela

Premio Narracións Curtas do Pedrón de Ouro CONCELLO DE SILLEDA

Para a identificación das persoas premiadas ou para aquelas autoras ou aqueles autores de obras que o Xurado considere apropiadas para publicar, todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e tamén o currículum vitae de o considerar oportuno. No exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.

(***) Con respecto aos traballos que o Xurado considere merecentes de publicación poderán abrirse as plicas correspondentes para poñerse en contacto cos autores e autoras para que dean o consentimento para publicalos.

5.PREMIOS
A obra gañadora será premiada con 1000€ ( suxeito ás obrigadas retencións fiscais). Porén, se o Xurado considera de calidade outras obras, dúas delas máis poderán obter segundos premios que serán de 400 € cada un ( e asemade tamén suxeitos ás obrigadas retencións fiscais) . Ademais, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o considere (aínda, que non contarán con premio económico)(***).

(***) En todo caso, a publicación destas obras soamente será posíbel co consentimento das súas autoras ou dos seus autores.

6.XURADO E DECISIÓN
O Xurado estará composto por especialistas en crítica literaria designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritores ( AELG e PEN CLUBE DE ESCRITORES DE GALICIA ) e do Concello de SILLEDA. Así, a Fundación do Pedrón de Ouro reservarase os postos de presidente/a, e secretario/a (este último con voz, pero sen voto).

(***) Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.
 O Xurado reunirase na segunda quincena do mes de decembro e dará a coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Finalmente, ao remate da decisión do Xurado o/a secretario/a redactará a acta que asinarán todos os membros deste.

7.ENTREGA DE PREMIOS
Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto organizado polo Concello de SILLEDA en día e data que se dará a coñecer oportunamente. Os/as autores/as premiados/as terán que recoller persoalmente os seus galardóns.

8.OBXECCIÓNS E NORMAS DE INTERESE
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro reservarase o dereito exclusivo de publicar as obras premiadas na súa primeira edición. O/a autor/a ou autores/as, ao aceptaren estas bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos en favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro.
A partir da seguinte edición, as obras son da total propiedade das súas autoras e autores, os/as cales terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no Premio Modesto R. Figueiredo da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. As obras non premiadas seranlles devoltas aos seus autores e ás súas autoras se as requiren antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado. Se ninguén as require, serán destruídas.
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro é a única entidade con capacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das bases deste certame.
O feito de concursar xa obriga ás autoras e aos autores a aceptar as presentes bases deste Certame.

25 de xul. de 2020

0 comentários :

Danos a túa opinión