'Troupelear' na Casa Museo Manuel María

Redacción. -

A Casa-Museo Manuel María abría hai dúas semanas as súas portas para volver acoller visitas e este próximo sábado, día 13 de marzo, retomará a actividade cultural no seu auditorio. Será ás 19 hrs cunha palestra-concerto didáctico de Troupelear, dúo conformado por Branca Villares e Pablo Pintor, so o título "O pouso da violencia contra as mulleres no cancioneiro tradicional e popular galego" e que se encadra nas distintas accións e actividades reivindicativas por volta do día internacional da muller.

A actividade é froito dun traballo de investigación e discusión do cancioneiro popular galego que Branca Villares desenvolveu co seu alumnado de canto nas súas aulas nos últimos tres anos. O traballo centrouse en detectar aspectos que poden supor apoloxía á violencia contra as mulleres e que, dalgún xeito, contribúen a perpetuala e normalizala, non censurando senón contextualizando e reformulando o seu uso. O repertorio co que traballa Branca son sobre todo recollas da montaña luguesa compiladas por ela e por outras persoas,ou as realizadas por Mini e Mero como as de Florencio, o cego dos Vilares.

Branca Villares é música e mestra de música tradicional en diferentes lugares da provincia de Lugo (Tradescola, Escolas Municipais de Rábade, Begonte, Outeiro, Escola OXeitO, e outras entidades culturais). Capitanea un proceso colectivo de reflexión, que xa vai polo seu cuarto ano de vida, en que promove a discusión entre as súas alumnas e alumnos. Parte da súa investigación foi publicada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega este mesmo ano.

Pablo Pintor é mestre de gaita na montaña luguesa e, alén de formar Troupelear xunto coBranca Villares, participa do proxecto musical Airiños da Freba. Ten sido parte de Tiruleque, GS21, Xacarandaina...

A actividade deste sábado na Casa-Museo é de acceso libre, mais é imprenscidíbel inscribirse previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621, xa que o aforo está limitado para o cumprimento das medidas sanitarias.

9 de mar. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión