30 aniversario da Banda de Vilalba

Redacción. -

Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba cumpre hoxe 30 anos país nace o 14 de abril de 1991 no concello de Vilalba, coa principal finalidade de adicarse á promoción da música de bandas.

Trala desaparición das últimas bandas existentes en Vilalba nos anos da Guerra Civil, a vila pasou por unha etapa de seca ata 1987, ano no que o Concello, encabezado polo daquela alcalde José María García Leira, decidiu crear unha escola de música da que máis tarde xurdiu a nova Banda de Música de Vilalba. Tras varios anos de clases de linguaxe musical e despois de que o Concello mercase os instrumentos, tivo lugar na Semana Santa de 1990 a primeira actuación da banda e o 14 de abril de 1991 a súa presentación oficial, constituíndose xa como Asociación Cultural.

Ao longo da súa traxectoria foron varios os directores que estiveron a cargo da mesma. O primeiro deles foi Pepe Guntín Currás, persoa moi vinculada ás actividades musicais da Terra Chá. En 1993, colleu a batuta Xosé Rodríguez Ramos e dende o ano 1995 diríxea César Concheiro Guerrico, mestre de frauta no Conservatorio Superior de Música da Coruña.

A andaina desta asociación pasa por actuacións en toda a xeografía galega, Asturias, Castela e León e Portugal ben sexa mediante intercambios con outras bandas, contratacións por distintos concellos e circuítos culturais patrocinados pola Xunta de Galicia, as deputacións provinciais, a Federación Galega de Bandas de Música Populares ou o Concello de Vilalba.

Entre as moitas actuacións destacan as ofrecidas na Televisión de Galicia, Radio Galega e Televisión Española en Galicia. Por outro lado, a banda conta con dúas gravacións editadas, unha do ano 1995 e outra do ano 2001 co gallo do X Aniversario desta Asociación.

14 de abr. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión