Axudas ao audiovisual feminino

Redacción. -

Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o 14 de abril unha modificación das bases das subvencións da Xunta a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, dotadas con 2,5 millóns de euros, segundo a que se aumentan as porcentaxes máximas de axuda que poden recibir as curtametraxes, as películas rodadas integramente en galego, as realizadas por mulleres, as de dirección novel cun orzamento non superior a 1,5 millóns de euros, as dirixidas por profesionais cunha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33%, os documentais cinematográficos ou os traballos de animación cun orzamento máximo de 2,5 millóns de euros. No marco do Plan de Reactivación da Cultura da Xunta, esta medida aplícase de maneira urxente para intensificar o apoio nesta serie de casos concretos, adaptándose así á posibilidade aberta polo novo regulamento estatal de desenvolvemento da Lei do Cine.

Trátase de fitas que, polas súas especiais características, son definidas a nivel europeo como obras difíciles canto ao seu financiamento, realización e distribución. Esta modificación permitiralles financiar con estas axudas entre un 75% e un 85% do seu importe subvencionable, fronte ao límite legal anterior do 50%. Ademais, para as coproducidas con países iberoamericanos este máximo elévase agora ao 60%, porcentaxe que ata o momento só era de aplicación no caso das coproducións transfronteirizas no seo da Unión Europea.

Xunto con esta modificación, ábrese un prazo complementario dun mes para a adaptación daquelas solicitudes xa presentadas no período inicial, pechadas o pasado 15 de febreiro, así como para a admisión de novos proxectos que encaixen nas novas categorías tipificadas na resolución publicada hoxe.

As de maior dotación económica

As subvencións da Xunta á produción e coprodución audiovisual son as de maior dotación económica dentro do programa anual de axudas públicas a este sector que xestiona a Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través do departamento de Industrias Culturais. O seu obxectivo é continuar coa dinamización do audiovisual galego nun momento de gran visibilidade e no que, a pesar da crise sanitaria, está a conseguir manter os niveis de actividade en canto a rodaxes e estreas.

Con este investimento, que o ano pasado foi distribuído entre 20 proxectos liderados por produtoras galegas independentes, contribuirase ao financiamento de novos traballos de cinema e de televisión, tanto longas de ficción en imaxe real e animación, documentais e curtas, como películas e series televisivas.

17 de abr. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión