Redacción. -
Esta mañá, diante da Torre de Caldaloba, celebrouse un acto que reuniu a máis de un cento de persoas convocados por entidades da Terra Chá e de concellos limítrofes para exixiren que administración galega faga efectivas de inmediato as medidas que periodicamente vén prometendo para que o castelo de Vilaxoán ou Caldaloba pase a propiedade pública e leve a cabo a súa recuperación e posta en valor.
O acto, aberto á participación da cidadanía, contou coas intervencións de Orlando Viveiro, divulgador do patrimonio da Terra Chá, que lembrou o importante patrimonio cultural e artístico presente na Terra Chá e as accións impulsadas polas Brigadas Chairegas hai vinte anos ao redor de Caldaloba, e o mindoniense Antón Meilán, profesor emérito da Universidá d’Uviéu, que ten realizado estudos sobre os feitos históricos acaecidos na torre e, particularmente, sobre os feitos e a contextualización do sucedido en Caldaloba entre 1483-1485, con Constanza de Castro (filla do Mariscal Pardo de Cela) e Fernán Ares de Saavedra como protagonistas, e que supuxeron a fin da existencia efectiva do Reino de Galiza. O grupo Caivanca acompañou musicalmente o acto.
0 comentários :
Danos a túa opinión