Non nacín na escola porque o seis de agosto do ano sesenta e un, domingo de feira en Vilalba, a familia residía en Vilapedre -como cada ano polo verán-, mais vivín asociada ao ensino durante toda a miña vida.
Miña nai, ás alturas mestra provisional, trasladaba consigo o seu fogar a cada pobo onde tiña que exercer. A Balsa Pequena (Vilalba), Bustofrío (Samos) e A Aguarda (Pastoriza), foron escenario dos meus primeiros pasos, palabras e garabatos; despois Bustiello de la Cabuerna (Tineo-Asturias), proporcionoume un pupitre no que ler xa con soltura. A comezos dos setenta, foi destinada a Carballido (Vilalba) e, despois dunha breve estancia nas súas aulas, matriculounos a miña irmá e a min no Colexio Comarcal Mixto da vila, onde estreamos a Ley Villar Palasí do setenta –ela en quinto e eu en sexto de EXB. Mais tarde, o BUP e o COU no Instituto Basanta Silva conformaron os meus estudos na adolescencia.
De nena, coma todas, non pensaba nunha profesión de futuro; gustaba sobre todo do debuxo e da pintura cos que me entretiña horas cumpridas, mais nos meus xogos remataba escribindo “muestras” nas lousas do lavadoiro de Bustiello, que ficaban a unha altura axeitada, para que Ita, José Antonio e Amandina as reproduciran. De seguro que era algo premonitorio… Non lembro concretar as miñas preferencias até terceiro de bacharelato, pois había que escoller entre ciencias ou letras. Foi entón cando optei polas primeiras coa intención de estudar Medicina. Mais, chegado o momento e ante a reticencia de meus pais a deixarme cursar a carreira en Santiago, convencéronme de facer Maxisterio en Lugo argumentando que despois, se quería facer outros estudos, sempre estaba a tempo. Así foi como rematei sendo mestra de profesión, aínda que tamén estudante durante moitos anos da miña vida, chegando a licenciarme en Filosofía e Ciencias da Educación, cursar estudos de Piano e lingua portuguesa -entre outras moitas cousas-, pois a miña curiosidade semellaba non ter límites.
Na EXB descubrín a poesía a través da lectura; lía e relía a escolma poética do libro de sexto Senda da editorial Santillana, ademais da narrativa cos libros con que me agasallaba miña nai (Heidi, Los cinco, Corazón, A Illa do tesouro, David Copperfield.…) pero que non me chamaban tanto como aqueles versos rimados entre os que tanto había jarchas ou romances como poemas de Antonio Machado ou Miguel Hernández.
Foi despois, durante o bacharelato, cando me familiaricei coa escrita grazas a varios profesores e profesoras que me amosaron a literatura dende un punto de vista creativo; entre eles, don José Novo e a súa dona e, sobre todo, Pepe Chao Rego, o meu mestre de filosofía en COU. Máis adiante, xa alumna de Maxisterio, inserinme no mundo do teatro que ocupou unha parte importante na miña vida durante máis de trinta anos.
Profesionalmente, dediquei a miña vida á docencia dende o curso 1982-83 até o 2020-21; comezando nunha época de masificación do ensino na que a ratio de alumnado non baixaba de corenta por aula ao tempo que as promocións de estudantes de Maxisterio eran inxentes; nun tempo en que a administración educativa, obsoleta e desorganizada, se perdía entre reformas tanto de plans de estudos como de organización do sistema e que nos supoñía aos novos mestres vagar sen destino ano tras ano. Así, permanecín como mestra provisional durante trece longos anos nos que exercín de “substituta a Servizo de Delegación” por varios cursos; tamén de mestra de escolas unitarias e moitos anos percorrendo un a un case todos os centros educativos da zona.
No curso 1998-99, déronme o primeiro destino definitivo en Muras (Lugo), centro no que permanecín sete anos, seis deles como directora. No 2004-05 concursei para o CEIP Mato Vizoso de Vilalba como profesora de Música, onde desenvolvín o meu labor até este xuño, aínda que a miña xubilación se fará efectiva a 31 de agosto.
Mañá asistirei á derradeira reunión de Claustro na que me despedirei do colexio –da miña aula de música e a biblioteca escolar á que dediquei tantos anos- cun “até logo”, pois non procede un adeus cando nas miñas intencións está seguir colaborando con el en cantas actividades como sexa preciso; e tamén dos compañeiros/as que me acompañaron na miña andaina estes últimos cursos.
Se tivera que facer un resumo de toda a miña andaina como mestra, diría que aprendín máis que ensinei. Aprendín de iguais, de compañeiros/as que me amosaron o seu bo facer, a súa dedicación en corpo e alma a esta tarefa que non sempre foi gratificante; aprendín dos erros –propios e alleos-, dos impulsos por querer modificar dende a miña pequena parcela un sistema “piramidal” no que pouco ou nada contaban as experiencias innovadoras; aprendín do alumnado, a adaptarme ao seu ambiente, á súa individualidade, ás súas preferencias, ao seu modo de aprendizaxe,… sempre considerándoo o suxeito da educación; aprendín que aprender supón unha interacción constante co medio e as súas circunstancias; aprendín que sempre se segue a aprender…
0 comentários :
Danos a túa opinión