Silencio

María Xosé Lamas. -

A CARMITA DA TRINI, IN MEMORIAM

Estabamos afeitos a escoitarte entre as voces da Coral Polifónica Vilalbesa, sempre discreta, mais imprescindíbel. Hai dous días, apagouse a túa voz, paseniño, coma quen funde gradualmente en negro un fotograma.
Unha voz que non só nos deleitaba transformada en melodía, senón que nos acompañaba coa túa amena conversa de veciña e de amiga –parente de parentes no meu caso, familiar escollida máis que herdada- de palabras dicidoras e axeitadas.
Foron moitas as veces que sentín persoalmente o teu ánimo cara os momentos máis complicados da miña existencia, a túa forza instándome a seguir adiante, os azos que me achegaban as ás precisas para voar sobre as barreiras,… 
Atenta sempre ás actividades culturais da vila, presenciabas cada acto cultural, cada achega de quen envorcaba os seus esforzos - como ti mesma facías-  no teu pobo e co ánimo de inzar esa cultura tantas veces apoucada por quen non a aprecia no seu máis amplo termo.
Imos botar en falta a túa presenza, mais sempre seguirás formando parte de moitos de nós nesa lembranza que perpetúa ás persoas de ben. Oxalá goces do descanso eterno que mereces, Carmita!

14 de xuño de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión