Rúa da Pradia, 19

Paulo Naseiro. -

Houbo unha época na que criamos que eramos un país rico. Volver a vista atrás, cara os últimos anos do século vinte e os oito primeiros do vinteún é un exercicio moi recomendábel, sobre todo se se fai con certa visión crítica. A nosa clase política, coidando ter resoltos os problemas da xente en todos os ámbitos básicos da vida humana -sanidade, educación, vivenda...- lanzouse a unha decidida carreira para “poñernos no mapa” mediante as máis fantásticas construcións: auditorios, centros de interpretación de cousas varias -nunca entendín o concepto-, museus, estadios deportivos, paseos marítimos e fluviais, aves, aeroportos... unha festa.

Chegou a crise e rematou aquela festa. As cousas que construímos maiormente cos cartos de Europa -cos cartos de europeus máis ricos ca nós, habería que dicir-, quedan aí, moitas veces como mudas testemuñas daqueles días de viño e rosas.

Cando políticos e arquitectos de sona brindaban por un futuro esplendoroso (“tal obra colocará a Cuspedriños no mapa”, como se un cartógrafo precisase de tal referencia) nin uns nin outros repararon en que aqueles cascaróns, unha vez en uso, ían ser caros de manter, grazas en moitos casos a arquitecturas “de avangarda” pouco dadas a pensar na sustentabilidade. Tampouco ninguén pensou en que habería que darlles algún contido que xustificase tales investimentos, nunha estrana inversión da secuencia habitual: primeiro a forma, despois a función. Un par de aeroportos sen avións e mailo caso absolutamente kafkiano da nosa Cidade da Cultura son exemplos acaídos do que digo: ti pon aí un edificio, canto máis revirado mellor, que logo xa veremos para que serve.

Véñenme a fío estas reflexións mentres agardo por alguén na Alameda vilalbesa ollando cara o cascarón baleiro que teño enfronte, o edificio de catro alturas situado no número 19 da Rúa da Pradia que viu nacer a Manuel Fraga, e que parece durmir o sono dos xustos logo dunha custosa reconstrución. 

Despois do falecemento da tía Amadora, a última habitante do vello caserón, e mentres Fraga exercía aínda como presidente da Xunta, alguén pensou que habería que salvar o inmoble do deterioramento e máis da especulación urbanística. Unha louvábel intención. Para levar adiante a idea constituíuse unha fundación con nomes de moitas campanillas (Ana Pastor, Robles Piquer, Feliciano Barrera, Fernández Albor, Mariano Rajoy, Ramón Villares, Romay Beccaría, Martín Villa, Abel Matutes, Villar Mir...) que buscou o financiamento preciso para adquirir a propiedade á familia Fraga en case medio millón de euros, con importantes aportacións das desaparecidas Caixa Galicia e Caixanova (aquelas mesmas nas que Méndez-Gayoso facían e desfacían, e que remataron como remataron) e os bancos Santander e Pastor. 

Dende o ambicioso proxecto inicial, as limitacións da norma urbanística  que impediron edificar na horta da finca e as máis importantes, as pecuniarias que impuxo a nacente crise económica, o realizado coa aportación final da Fundación Villar Mir quedou nunha discutible reinterpretación da edificación que garda pouco do espírito orixinal. 

Finalizada a reconstrución e inaugurada convenientemente a finais de 2011, aí ficou todo o impulso e aí segue un edificio baleiro -outro máis- e despoxado de función algunha. Alén das vagas intencións manifestadas pola Fundación (“será un centro de estudos de dereito político”, “albergará o arquivo e a biblioteca de Fraga para que sexan estudados por expertos”, “será un centro intelectual importante en Vilalba”) o proxecto semella varado polas mesmas dúas razóns que coñecemos: a económica -non están os tempos para festas, xa non existen as caixas e as administracións teñen moito onde meter os cartos- e o contido do proxecto en si mesmo ou, máis ben, a falta del, unha eiva evidente desde a xestación da idea.

Manuel Fraga foi, sen dúbida, un dos políticos máis importantes da segunda metade do século XX en España, pero non pasará á historia como teórico da ciencia política, máis alá dun par de conceptos -aquel da mayoría natural fortemente emparentado coa maioría silenciosa de Richard Nixon ou a administración única que ninguén soubo explicar xamáis-. Parece difícil atraer unha masa crítica de investigadores que rendabilice o investimento ao sancta santorum dun Fraga que, alén da súa dimensión de símbolo, semella esquecido até polos seus correlixionarios apenas dez anos despois da súa morte. Tampouco creo que a simple recreación museística en torno á memoria do patrón da dereita poda darlle moita vida ou, como mínimo, ingresos suficientes para sustentarse.

Conviría, porén, que alguén reflexione con algunha seriedade acerca de posibles usos futuros de utilidade social que, ao tempo que contribúan a preservar a memoria do noso conveciño máis coñecido, lle devolvan á sociedade algo do que investiu. Non lles parece?



7 de maio de 2022

0 comentários :

Danos a túa opinión