Do caso Matesa a vender cervexa

Moncho Paz.- 

No decenio de 1960, España viviu varios procesos de transformación sociolóxica. Entre eles, a transición do viño á cervexa, pasando da tradicional cultura tabernaria propia dos pobos e grandes vilas á cultura de bar característica das cidades. De feito, a produción cervexeira multiplícase por catro no conxunto do Estado: de trescentos corenta millóns de litros en 1960 a mil douscentos millóns en 1970, un incremento por riba da media europea. Atendendo a este contexto histórico, hoxe lembramos que hai exactamente medio século Manuel Fraga Iribarne pronunciaba unha interesante conferencia en Madrid, ante a asemblea da Asociación Española de Técnicos de Cervexa e Malta, onde explicaba -repleto de razón e de argumentos- que o sector da cervexa era o máis industrializado entre todos os das bebidas refrescantes. A súa maxistral intervención levaba por título “A economía do sector cervexeiro” e sobra dicir que o orador recibiu unha salva de aplausos por parte do afervoado público que asistiu ao evento. 
Pouca xente sabe que Fraga era daquela o director xeral de El Águila, compañía fundada en 1900 en Madrid e unha das máis consentidas pola ditadura. Aterrou no despacho da empresa cando deixou a xefatura do Ministerio de Información e Turismo en 1969 como consecuencia do caso Matesa, que estalou no mes de xullo e foi un dos maiores escándalos do final do franquismo, impactando de cheo no seo do goberno; para moitos historiadores, significou o comezo da fin do réxime. Coincidiu que naquelas datas, ademais, Franco designara oficialmente a Juan Carlos de Borbón como sucesor, noticia recibida con gran pesar polo Conde de Barcelona, que seguía a ser o xefe da Casa Real no exilio.
Podemos afirmar sen tapullos que a verdadeira transcendencia do caso en cuestión foi a súa repercusión política. O ditador, na súa liña habitual, non lle deu moita importancia ao principio, ollando cara a outro lado como de costume. Fraga era o principal representante dos azuis, un sector do goberno afín á Falanxe que non quería perder poder, enfrontado internamente cos tecnócratas, vencellados ao Opus Dei, que lograran gañarse a confianza de Franco pola súa participación no deseño do Plan de Estabilización de 1959 e nos posteriores plans de desenvolvemento que fixeron posible a milagre da recuperación económica durante a década prodixiosa.
O “león de Vilalba”, fiel ao seu carácter arroutado e colérico, non dubidou en utilizar ao seu favor os medios de comunicación do Movemento e, ao amparo da Lei de Prensa e Imprenta de 1966 que el mesmo impulsara, permitiu tratar o asunto cunha liberdade que deixou sorprendidos até aos máis adeptos ao réxime, coa finalidade de que o escándalo pasase factura política aos seus opoñentes; pero non calculou ben a xogada e acabou cesado fulminantemente nas súas funcións polo ditador, quen decidiu perdelo de vista durante unha longa tempada, encargándose persoalmente de mandalo a exercer a actividade privada lonxe do Pardo. Ademais de Fraga, que pasou a traballar en El Águila ate 1973 e logo foi enviado de embaixador a Londres, tamén foi depurado José Solís Ruiz, coñecido popularmente como “O sorriso do réxime”, que ocupaba a Secretaría Xeral do Movemento.
Experto en operacións propagandísticas, axiña fixo uso das súas influencias e encargouse de “recomendar” sen demora a venda preferente da súa marca ao eido turístico e hostaleiro. O slogan da campaña publicitaria do produto era sinxelo: “Se beben más”. Contaba o meu pai que un día de agosto de 1971, pouco antes do nacemento do meu irmán Mario, entrou apresurado no cafetería que tiñamos en Vilalba o Arturo do bar Submarino preguntándolle: “Ramón, ti tamén a recibiches?”. Referíase a unha carta comercial enviada dende Madrid e asinada polo director xeral de El Águila, convidando a ofrecer a súa marca de cervexas fronte a outras que se consumían no momento, como Estrella Galicia, San Miguel, Skol ou El Alcázar, esta última fundada en Jaén polos membros da familia Puga, que se establecera en Andalucía a finais do século XIX procedente de Lugo.
Tras o seu cesamento como ministro de Información e Turismo do goberno franquista, cargo que ocupou entre 1962 e 1969, Fraga recibiu en 1970 unha calorosa homenaxe en Vilalba por parte dos seus acólitos, promovida polo daquela alcalde Suso Gayoso. Para xustificar o acto, decidiron que sería un multitudinario agradecemento da veciñanza pola posta en marcha do Parador de Turismo, inaugurado en 1967 na Torre da Homenaxe do castelo dos Andrade. A consigna era clara e directa: “Mañá non pode quedar ninguén na casa”. Con tal motivo, organizouse un evento masivo de recoñecemento á súa figura, colocando o busto de bronce que aínda hoxe preside os xardíns da Alameda na capital chairega e que durante todo este tempo sufriu unha morea de atentados, chegando incluso a desaparecer e ser substituído por outro similar durante a derradeira etapa de Agustín Baamonde ao fronte da alcaldía. Cousas veredes...
A vida da moitas voltas. Fraga chegou á presidencia da Xunta de Galicia en febreiro de 1990. Eu daquela traballaba na Redacción de El Progreso en Lugo, tarefa que compaxinaba coa miña carreira de xornalismo na Facultade de Ciencias da Información en Madrid. En 1991 tiven a oportunidade de marchar a Cuba como reporteiro, acompañando á delegación de alcaldes galegos que percorrería a illa caribeña, nunha especie de acción política e mediática a xeito de sobremesa tras a visita oficial de Fraga en setembro daquel mesmo ano. Ao meu regreso, coñecedor de que eu era de orixe chairega e tamén estivera na perla do Caribe coa representación de mandatarios municipais da nosa terra, coincidimos nas xornadas de Comunicación Interdepartamental que a Xunta de Galicia convocaba cada ano en Vilalba. Diante de varios compañeiros da prensa preguntoume: Señor Paz, que tal lle foi en Cuba? Ao que respondín: “Moi ben co Galego Fernández, presidente. E a cervexa Hatuey está moi boa, mellor que a Cristal. Por certo, ademais do tradicional Cuba Libre, comprobei que teñen por costume pedir nos hoteis un combinado coñecido popularmente como Presidente, composto por unha medida de vermú vermello, medida e media de ron branco, varias gotas de granadina e un par de cubiños de xeo”. Quixen evitar calquera polémica. Coido que entendeu ben a mensaxe, pois asentiu cun sorprendente xesto -mestura de sorpresa e complicidade- e deu a cháchara por rematada. 
Voltando á súa etapa cervexeira, e unha vez que Fraga deixou as súas funcións como director xeral de El Águila para regresar á política, o grupo holandés Heineken adquiriu un terzo das accións da compañía. E en 1985 pechou a súa fábrica madrileña na rúa Xeneral Lacy, quedando o edificio sen uso ate a súa posterior remodelación como Biblioteca Rexional Joaquín Leguina. Asemade, comezou un proceso de centralización da produción nas plantas de San Sebastián de los Reyes e de Cuart de Poblet, vendendo algunhas das outras fábricas ou simplemente pechándoas. No ano 2000 fusionouse co grupo Cruzcampo, adquirido na súa totalidade por Heineken. Finalmente, en 2019 a compañía decidiu relanzar, con notable éxito, a marca El Águila, inspirada na receita orixinal. Como dato curioso, dicir que a cervexa preferida dos mexicanos de Jalisco é da marca Fraga, fabricada en Yahualica de González Gallo e que na actualidade comercializa sete variedades de diferentes sabores. Ironías da vida, non lles parece?


9 de maio de 2022

0 comentários :

Danos a túa opinión