Pastora Veres a Manuel de Lea

Pastora Veres. -

A Manuel Fernández Corral, trapeiro de honra 2023

“ E ti es logo da Casa de Vicentiño?, pois a min gustabanme ben as túas tías Aurea e Sara”

Asi era Manuel Fernández Corral o fillo de Cándida e Juan de Lea.

Un señor no sentido máis amplo, un bo home con naturalidade e gracia que lle facían

conservar ese espirito xovial e pícaro do neno de Lea de Baixo.

Cando o coñecín decateime que tiña diante de min un tesouro pola memoria que

conservaba e a profundidade da súa palabra.

Informou para Lareira de Soños da súa vida pero tamén da vida da parroquia, Os Vilares,

que sempre levaba na conversa e no corazón.

Moito me falou dos seus irmáns, Francisca, José, Perfecto e Aurea e tamén dos seis que

morreran de nenos, de como os coidaba e lle acendía cascas de bidueiro que coma fachos

servían para entreter a súa irmá Aurea mentres a abaneaba no berce.

Das loitas coa súa avoa Luisa e dos seus pais. Díxome o máis fermoso que se pode dicir

dunha nai: “A miña mamá tiña as mans de prata”.

Faloume das mozas, da festa da Pascua, da escola de D.Agapito e D.Andrés na Conchada.

Tamén tiña moi presente aos veciños, sobre todo, aos da Casa de Camuza, a Nicolás o seu

amigo da alma que finou recentemente aló en Arxentina.

Con eles e outros vaise a xeración que preservou a memoria viva da parroquia de todo o

século XX, cando ocorreron sucesos tan trascendentais como unha guerra civil, a

emigración masiva ou a chegada da modernización.

Pero se algo me impactou da súa vida foi ver esa foto que sae no libro “Lareira de Soños”,

na que se ve a Manuel xa viúvo cos seus oito fillos, todos ben noviños.

Non me cabe ningunha dúbida o gran pai que foi e o amor que vin nos seus ollos cando

falaba das súas fillas, fillos, netas e netos. Coñecinos a todos pero especialmente a Lupe

quen o coidou ata o final coas mesmas máns de prata da súa avoa Cándida de Lea.

Gústame ver nesa foto a Lupe pequeniña coma unha faba e plantada diante de todos,

espelida e dicindo co seu corpo: “ Non vos preocupedes que aqui estou eu”.

Son unha gran familia, todos eles con fillos e netos, unidos hoxe aqui para honrar a

memoria de Manuel de Lea e dalgún modo tamén a de todas e todos os vilaregos que como

persoas fundidas coa terra e na terra sairon adiante cunha vida de traballo e loita superando

calamidades e transmitíndonos aos que vimos detrás a forza necesaria para enfrontar a

vida.

Moitas grazas e viva o espírito trapeiro!!

Momán, 28 de xaneiro de 2023

29 de xan. de 2023

0 comentários :

Danos a túa opinión