Monstrólogo

Redacción. -

A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, día 25 de marzo, ás 17 horas, a estrea da nova peza de teatro para monicreques de Trécola Producións. O título do novo proxecto da compañía de Pol é Monstrólogo, unha obra dirixida para nenas e nenos, a partir de tres anos en diante, e as súas familias.

A peza ten a seguinte sipnose: un experto e grande xenio vén dar unha charla á Casa-Museo Manuel María sobre especies e tipoloxías de monstros e as súas curiosidades. Mais non vén só. Acompáñano unha serie de terroríficos e divertidos personaxes que virán demostrar que lonxe de pretender dar medo, os monstros están para axudar a superar diversos retos ás persoas.

Trécola Producións é unha compañía residente no concello de Pol, que dinamizan Ero Vázquez Cabrera e Isabel García Coldeiro, cunha proposta estética baseada nunha continua labor de creación, experimentación e de produción de obradoiro como o demostran as súas pezas máis recentes como “A saga de Flin Havardr”, “Tolitates”, “Gaela quere ser druída”… Alén disto, nos dous últimos anos levaron por toda Galiza “Kinetiko”, unha iniciativa do xogueteiro Manu Taboada xunto con Ero Vázquez e que consiste nun conxunto de autómatas que coa axuda dos seus mecanismos e do movemento que xeran, demostran que calquera persoa pode desfrutar dos brinquedos e dos monicreques.


16 de mar. de 2023

0 comentários :

Danos a túa opinión