Dando novas de Silvia Mistral (1914 – 2004)

Manolo Roca
En novembro de 2004 lin en La Voz de Galicia: “Fallece la escritora de origen gallego Silvia Mistral”. Nunca dela escoitara falar; lin aquelas liñas que informaban de quen foi e así entereime de que, anque nada en Cuba, vivira de nena en Vilalba e morrera en México D.F.; a curiosidade levoume a querer saber algo máis dela...
O seu nome era, en realidade, Hortensia Blanch Pita. Filla de catalán e galega, naceu en Cuba en 1914. e viviu varios anos en Vilalba (supoño que cos seus avós maternos) até que en 1926 volveu á illa caribeña.
En 1931 regresou a España e estableceuse en Barcelona, como traballadora dunha empresa da industria química... pero as súas grandes paixóns vitais foron a literatura e o cine. Aos 18 anos comezou a colaborar no suplemento literario de Las Noticias e en El Día Gráfico; axiña publicaría tamén críticas de cine nas revistas Popular Film, Proyector e Films Selectos.
En xullo de 1936 íase facer cargo da sección de publicidade da Paramount, pero o estoupido bélico truncou as previsións e seguiu a traballar como axudante na industria química. No tempo da guerra incivil española as súas colaboracións literarias apareceron na revista Umbral (ilustradas por José Horna e por Viejo) e ademais escribiu crónicas da guerra en La Vanguardia (entón colectivizada por CNT e UGT); unha delas (a do éxodo de Teruel) ilustrouna a fotógrafa Kati Horna, con quen seguiría a colaborar no exilio. Neste tempo bélico escribiu tamén varios contos e foi secretaria da revista Nuevo Cinema.
En 1939 exiliouse nun pobo mineiro do Gard (Francia) e comezou a escribir Diario de una refugiada, a súa obra fundamental. Nela relatou os seus últimos días en Barcelona (o libro comeza coa súa saída cara ao exilio o 24 de xaneiro de 1939, cando traballaba nunha distribuidora cinematográfica) e a dureza do desterro, detallando polo miúdo o paso pola fronteira francesa de Port Bou o día 5 de febreiro de 1939 e o cru trato que recibiron as persoas exiliadas no campo de concentración de Argelés sur Mer:
Una playa inmensa, y nada más. Ni caseta, ni agua, ni comida, ni enfermeros, ni medicina. Sólo la arena y el mistral. Y los senegaleses. Altos y negros, semejan niños a los que se ha dado un fusil y un uniforme y una orden de matar.
Dous meses e dez días despois do remate de guerra española, grazas ás xestións humanitarias do presidente de México Lázaro Cárdenas, saíu no barco Ipanema do porto de Pauillac, rumbo a Veracruz. Nese barco ía tamén o home que compartiu con ela toda a vida (até a morte en 1997, con 91 anos): Ricardo Mestre, militante da CNT e da FAI, infatigable defensor do ideario libertario e teimoso impulsor da república das letras: fundou xornais, dirixiu revistas e puxo a andar proxectos editoriais.
A moi recoñecida crónica de Silvia Mistral sobre o inicio do exilio de moitas persoas republicanas (Diario de una refugiada) publicouse inicialmente en oito “entregas” na revista Hoy, con ilustracións do sevillano Francisco Carmona. En 1940 saíu do prelo da Editorial Minerva (que fundou Ricardo Mestre) como libro, con prólogo do poeta León Felipe: "Éxodo. Diario de una refugiada española". Ademais de ser a primeira testemuña, está considerado un dos libros máis fermosos dos que describen o exilio, escrito nun tempo de feridas aínda moi abertas e de moi pouca esperanza. Nel tivo unhas palabras de lembranza para Galicia (ao fío da descrición do paso do Ipanema fronte á nosa costa) e recolleu a expresiva imaxe das persoas galegas que, no camiño do exilio de Francia ao exilio de México, botaron ao mar esta mensaxe nunha botella:
Á vista de Fisterre, recibe, pobo galego, o saúdo garimoso dos que neste intre dooroso van care o exilio. Non perdades esperanzas. Mantede o esprito ergueito, que non tardará en cair o treidor que perante tres anos encheu de mortos Galiza e de loito os seus fogares. VIVA GALIZA CEIBE. VIVA REPUBRICA. ABAIXO FRANCO.
No II Coloquio Internacional: La literatura y la cultura del exilio republicano español de 1939, Neus Samblancat Miranda presentou unha interesante comunicación sobre Éxodo. Diario de una refugiada español; publicouse en A Habana en xuño de 2000. Outro traballo semellante do mesmo autor saíu do prelo en Sevilla (decembro de 2000) en: Renacimiento. Revista de Literatura.
En México, Silvia Mistral publicou algúns contos na revista Aventura, varias crónicas mexicanas ilustradas por Kati Horna.e Madréporas, que ilustrou Ramón Gaya. Escribiu tamén varias “novelas rosa” para a colección Delly (que asinaba con seudónimo, como outras exiliadas ilustres: María Luisa Algarra, Ana María Muriá...) entre as que Violetas imperiales acadou especial éxito; a esta obra seguíronlle: La cola de la sirena, El niño de la banda e La cenicienta china. Retomou a crítica cinematográfica, desta volta na revista Arte y Plata, foi columnista do matutino Excelsior e colaborou na publicación anarquista cubana El Libertario (unha das últimas publicacións clausuradas polo goberno de Fidel Castro).
En 1988 publicou La bruja vestida de rosa, libro pensado na infancia que trata dunha muller que desexa converterse en bruxa.
Á súa morte (en agosto de 2004) a edición dixital de Rojo y Negro, voceiro da Confederación General del Trabajo (CGT), dedicoulle unha fermosa necrolóxica e Antonina Rodrigo publicou un belido obituario en El País do 22 de agosto que remata así:
Son tantos los escritos de Silvia Mistral. Primero, para sobrevivir; después, para enseñar y construir y, algo esencial, para que no se olvide por lo que luchamos.
Calquera día escribirei nesta praza vilalbesa dixital sobre outra viaxe en barco no tramo final da nosa guerra incivil...para ir dar a un campo de concentración de persoas que fuxían da España franquista.
É tamén unha muller...e viviu varias décadas con nós, en Vilalba. Por sorte, aínda nos pode contar esa dura experiencia. Era unha nena daquela... e estivo a piques de caer á auga desde a cuberta do barco que a levaba de Asturias a Francia.
Ben sei que o prometido é débeda. Pagareina axiña.

Nenos camiño do exilio. 1939

21 de xul. de 2008

1 comentários :

Danos a túa opinión