Un século de prensa en Vilalba



Paulo Naseiro e Moncho Paz.-

O 1908 é o ano no que comeza a longa tradición xornalística vilalbesa, da man de Manuel Mato Vizoso e José Novo Pardo, fundadores de El Eco de Villalba, que se ha publicar até 1913. Impreso no prelo de Mancebo, en Mondoñedo, El Eco tiña como obxectivos a publicación de estudos sobre a historia vilalbesa, divulgar a cultura e as tradicións da comarca, e a defensa da relixión católica e os principios conservadores.

Entre os seus colaboradores destacaron o propio Mato Vizoso, Antonio García Hermida ou o poeta da montaña, Antón Noriega Varela.

Foi o foguete que deu comezo á festa da prensa local ao longo do primeiro terzo do século XX, no que xurdiron, entre 1908 e 1932, 18 cabeceiras, ademáis de El Eco: El Ratón (1910), La Voz Campesina (1911), El Vigía Villalbés (1913), Azul y Blanco (1914), Villalba y su comarca (1915), Heraldo de Villalba (1916), Galicia Pintoresca (1916), A Xusticia (1917), Aurora (1918), El Gato (1919), La Voz Villalbesa (1921), El Progreso Villalbés (1922), Unión Ciudadana (1924), El Villalbés (1925) Ariete e Luz (1931), e Faro Villalbés (1932), ademáis de El Villalbés de Buenos Aires, editado polos emigrantes vilalbeses na capital arxentina. Moitas delas foron efémeras, destacando pola súa longa traxectoria o Heraldo de Antonio García Hermida, El Progreso de Xosé Enríquez Chanot ou o republicano Faro Villalbés.

Despois da guerra e durante a longa noite de pedra da ditatura, só tres cabeceiras tiveron unha breve vida, os deportivos Stadium (1949) e El Castillo (1950), ademáis de Galicia Agrícola y Ganadera (1954), ligada aos proxectos de colonización da Terra Cha.

Non é até 1983 que xurde A Voz de Vilalba, que con moita ilusión e poucos medios retoma a tradición xornalística vilalbesa, e que retorna agora en edición dixital. Tamén o Terra Cha.Xa, de carácter mensual, mantén en letra impresa a nosa tradición xornalística.

paulonaseiro[en]avozdevilalba.com monchopaz[en]avozdevilalba.com

28 de feb. de 2008

1 comentários :

  • Moitas das cabeceiras que nomeades tiveron un elemento en común: loitaban contra o caciquismo imperante na Vilalba do século XX. Ogallá manteñades o espírito crítico que tiveron A Xustiza, Faro Villalbés ou A Voz de Vilalba e lle deades a leña que merece o novo caciquismo.

    28 de febreiro de 2008, 13:35

Danos a túa opinión