Educación musical: cando comezar?

Mª. Xosé Lamas
Pedagoga e profesora de ed. musical

De todos é sabido que os seres humanos presentamos unha enorme infrautilización da nosa capacidade cerebral. A pesar de todos os avances científicos e técnicos, aínda os investigadores están lonxe de desvelar a maioría das potencialidades da nosa mente. Pénsese, senón, no recente que é o descubrimento da existencia dunha intelixencia musical que , coma outras capacidades, é preciso desenvolver e potenciar no individuo. A ignorancia deste feito, levou a excluír esta capacidade do eido da educación, a non tela en conta á hora de deseñar os currículo nos diferentes sistemas educativos. Só moi recentemente se considerou a necesidade de desenvolver esta capacidade humana a través da educación, traendo como consecuencia a súa inclusión nos plans de estudio das distintas etapas educativas.

Pero, se a intelixencia musical –como a lingüística, a matemática, a motórica,...- é unha capacidade innata que é preciso potenciar ¿por que nos esquecemos dela? ¿por que a ignoramos?. Nada máis nos decatamos que os nosos fillos aos poucos meses se teñen de pé, axudámoslles a dar os seus primeiros pasos. Tan axiña como comezan a balbucir, pretendemos que digan “papá”, “mamá”, “nené” e sentímonos felices escoitando as súas primeiras verbalizacións, axudándolles a que aprendan a comunicarse coa fala. ¿Por que nos esquecemos, entón, de inculcarlles a música aos nosos fillos?

Os profesionais da educación coñecemos a importancia que ten a educación musical para contribuír ao desenvolvemento integral do neno/a e coidamos que é preciso que esta comece o máis axiña posible, pois, citando a M. SANUY (1) “: por moi cedo que comecemos a inculcar a música nos nenos, sempre será tarde”, explicando esta afirmación cunha coñecida anécdota do pedagogo e compositor húngaro Z.KODALY (2), cando en 1966 el mesmo escribía:“Hai máis ou menos dezaseis anos durante unha conferencia sobre educación musical organizada pola UNESCO preguntóuseme:´¿Cando convén iniciar o estudio da música?´ e respondín: ´Nove meses antes do nacemento´.Se hoxe me volvesen a facer a mesma pregunta, respondería: ´Nove meses antes de nacer a nai´”.

Quen se deteña a reflexionar sobre esta cita, estará a pensar que así como é doado axudarlle aos nosos fillos a camiñar, a aprender a falar, a contar,... non pode selo tanto ensinarlles música, tendo en conta que nós mesmos non temos os coñecementos necesarios, a moi poucos se nos ensinou con sorte uns pequenos rudimentos ¿Como axudar, pois, aos nosos fillos? De seguro non nos decatamos de que non comezamos a ensinarlles a andar someténdoos a unha carreira de fondo, senón colléndoos das mans e pouco a pouco; non lles ensinamos a falar facéndolles escoitar o discurso do método, senón afacéndoos a escoitar como nos comunicamos con eles de xeito que nos entendan; nin lles ensinamos a contar comezando polas unidades de millar, senón polos seus propios dediños e un a un. Do mesmo xeito, hai que introducilos no mundo da música.

Posibelmente esquecemos que non fai moito tempo a música era un feito sempre presente nos nosos fogares: as nosas avoas cantaban mentres lavaban na fonte, fregaban os pratos ou facían as camas. Seguro que os nosos pais e as nosas nais non adormecían sen antes escoitar unha cantiga de arrolar que saía espontaneamente da voz e o corazón conxuntamente. Aínda, se facemos memoria, os que xa temos algúns anos, lembraremos estar algunha vez sentados nos xeonllos do avó mentres nos cantaba retahílas:


“E chucurruchú,

e chucurruchaina,

que o que non come

non ten barrigaina”.


Esta é, sen dúbida, unha das máis fermosas tradicións perdidas no mundo de hoxe e que eu convidaría ás xoves nais e pais a recuperar. Non hai nada tan educativo e ao tempo entrañable como adormentar aos nosos fillos e fillas cunha cantiga de berce. A voz da nai é coñecida polo neno incluso antes de nacer; isto fai que o tranquilice e lle transmita, ademais de afecto, aquela confianza e seguridade que o neno precisa, ao tempo que o afai a escoitar música, que por moi sinxela que sexa, axudará a desenvolver no fillo dende moi cedo a súa intelixencia musical.

¿Decátanse do doado que resulta iniciar aos nenos e nenas na música xa desde bebés? Déixoos con esta reflexión.

(1) SANUY, M. (1994): Aula sonora. Ed. Morata, SL. Madrid.
(2) KODALY, Zoltan (1882-1967), pedagogo e compositor húngaro representante do nacionalismo musical.

4 de mar. de 2008

1 comentários :

Danos a túa opinión