Entroido revisitado

Mario Paz González
A editorial Xerais de Vigo vén de reeditar na súa colección “Guías Xerais, Monografías” o libro O carnaval en Galicia do xornalista ourensán Federico Cocho, unha obra imprescindible para achegarse dun xeito veraz a un fenómeno tan senlleiro coma é o do Entroido. Nos menos de vinte anos que pasaron dende que este texto víu a luz por vez primeira tense convertido en todo un clásico sobre o tema que, polo demais, hoxe en día non sempre resultaba doado atopar nas librarías.

Probablemente son varias as razóns que se poderían aquí aducir e que fixeron que un libro coma o que agora nos ocupa se convertese nunha obra tan relevante. Algunhas delas lémbranse no prólogo firmado polo tamén xornalista e escritor Carlos Reigosa: a “verba clara e precisa”, froito da “súa condición periodística”, o arduo traballo de campo que se percibe debaixo do propio texto e, xunto con elas, a valía no eido científico desta investigación. Unha investigación que non só amosa dun xeito sobradamente documentado a actualidade da festa en Galicia (como vemos na amplitude de referencias bibliográficas que o acompañan), senón que, ademais, trata de afondar nas raizames tradicionais que nela se atopan. Con elo aproveita para botar por terra algunhas “máximas de fe” que resultaban para moitos, ata o momento en que esta monografía se publicou por vez primeira, incuestionabeis. Entre elas esas alusións pouco realistas e de natureza libresca, allea á realidade factual, que se estaban a facer a miúdo en infinidade de publicacións, dando por vixentes tradicións xa esgotadas. A razón dilo habería que buscala en que, coma sinala o propio Federico Cocho no texto de presentación, “agás honrosas excepcións, dos anos corenta [...] aos nosos días non se fixo traballo de campo”. Algo que definitivamente se emenda con esta obra.

A organización do contido é abondo precisa para facilitar a calquer lector interesado co tema (non só galegos) un achegamento doado a esta festa tan nosa, pero, ao mesmo tempo, tan internacional, pois “Europa somos desde hai moitos séculos”, sinala o propio autor. Logo dunhas acertadas disquisicións sobre o papel do Entroido na nosa sociedade de hoxe en día, os sete capítulos de que consta abarcan, respectivamente, a orixe e o contexto da festa; o calendario (actual e tradicional); as mascaradas rurais; o carnaval urbano; as representacións, sermóns e enterros; os graciosos, as bromas, e xa para rematar (non podería ser doutro xeito) os platos típicos do Entroido. Ademais, e pechando o libro, algunhas alusións a dous conceptos tan antagónicos per se, coma son a represión e á cultura. Por unha banda, xurden aquí as non sempre doadas relacións dunha festa tan idiosincrática co poder e coa Igrexa; pola outra, o seu refrexo na prensa ou, asemade, na literatura e na danza.

Que o capítulo máis extenso sexa o adicado ás mascaradas rurais non debería estrañar xa a ninguén, sobre todo pola especial configuración da paisaxe galega e a importancia que nela teñen as aldeas, non só coma pequenos e imprescindibeis núcleos de poboación, senón coma garantes e conservadoras seculares da lingua e de moitas das nosas tradicións. Por este capítulo desfilan os volantes de Chantada, os Foliós de Manzaneda, o gamachiños e zarralleiros das Mariñas, ou descripcións da festa en Laza, Verín, Maceda, Cotobade, a Fonsagrada..., e, por suposto, as pantallas de Xinzo, terra natal de propio autor.

A recuperación desta obra nunha edición moderna, e igualmente manexable que as dúas anteriores de comezos dos noventa, complétase cunha serie de estupendas fotografías a cor de Manuel G. Vicente. Con todo, gostaríanos lembrarlle aos lectores que, se queren ampliar a súa visión do Entroido e ires máis aló do dito, resulta de complementaria utilidade a lectura de outra obra do mesmo autor, máis breve, pero igualmente senlleira, O Entroido galego (A Nosa Terra, 2001), ou, de tema exclusivamente gastronómico, A cociña do Entroido e San Xoán (Xerais, 2006) de Miguel Vila Pernas.


O Carnaval en Galicia. Federico Cocho.
Vigo: Xerais. 2008.
278 pp.

mariopaz@avozdevilalba.com

5 de mar. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión