II Concurso Manuel María

Redacción. -
O 15 de xuño finaliza o prazo para a entrega das obras participantes na segunda edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais, que convoca a Casa-Museo Manuel María. O certame ten por obxecto premiar a mellor canción lírica, para voz e piano, escrita sobre un poema de Manuel María.

O concurso está aberto á participación de todas as compositoras e compositores que o desexaren. As composicións deberán ser orixinais, inéditas, sen estrear e cunha duración máxima de cinco minutos e mínima de dous minutos e medio. A canción presentada terá que ser sobre un poema, de libre elección da persoa concursante, de entre todos os escritos por Manuel María e estará clasificada dentro da modalidade de canción galega.

Na presente edición as composicións estarán escritas para voz de soprano con acompañamento de piano, a pasada edición foi para barítono, e está previsto que en edicións sucesivas sexa para outras voces como tenor, contralto, baixo...

O certame convocado conta cun único premio en metálico de mil euros para a composición gañadora ao que hai que engadir a publicación das partituras das persoas finalistas e a súa distribución gratuíta a todos os Conservatorios de Música de Galiza.

O concurso desenvolverase en dúas fases de xeito que na primeira o xurado seleccionará un máximo de cinco cancións finalistas que pasarán a unha segunda fase. Na fase final determinarase a canción gañadora entre as designadas como finalistas na primeira fase. Para iso levarase a cabo un acto con concerto público que terá lugar no Auditorio da Casa-Museo Manuel María durante o mes de outubro. Unha soprano e un pianista interpretarán as cancións seleccionadas, dentro dun recital de cancións galegas. No propio acto, após a correspondente deliberación, o xurado dará a coñecer a canción gañadora.

Na edición de 2022, “Fisterra” (https://www.youtube.com/watch?v=WtW91y2HwmE), da autoría de Saúl Aguado de Aza, foi a composición gañadora. Xunto a esta, foron finalistas Orballo de Teo Montero, A lúa de Saúl Aguado e Rosas de Teresa Bretal.

24 de abr. de 2023

0 comentários :

Danos a túa opinión