Editorial



Redacción



Hoxe falaremos do bispo Lugo. Non estamos a referirnos a Alfonso Carrasco, o bispo de Lugo, senon a Fernando Lugo, o bispo de Paraguai que un bo día decidiu entrar en política para cambiar as cousas no seu país e rachar definitivamente coa hexemonía do Partido Colorado, no poder durante máis de sesenta anos, dictadura de Stroessner incluida.

O 29 de marzo de 2006, Fernando Lugo encabezou unha marcha de miles de persoas contra o presidente Nicanor Duarte Frutos, representante do Partido Colorado, forza política no poder dende o ano 1947. Con este xesto de saír á rúa a manifestarse en realidade estaba a renunciar aos seus labores eclesiásticos para entrar de cheo na política paraguaia. Así o interpretou o Vaticano, que xulgaba como inadmisible o feito de que un monseñor fose ao mesmo tempo un destacado opositor ao presidente Duarte. Por este motivo Fernando Lugo foi suspendido ad divini por Benedicto XVI das súas funcións eclesiásticas. O seu “pecado” foi en realidade a decisión de comezar unha carreira política e cambiar o statu quo imperante no seu país, facendo posible a saida do poder dunha oligarquía que gobernaba Paraguai coma se fose unha finca privada.

Hoxe queremos celebrar o trunfo do ex-bispo Lugo, que foi capaz de canalizar as protestas de diversos movementos políticos e sociais contra a reforma constitucional que pretendría promover o Partido Colorado para manterse no poder. Remata por fin a longa noite de pedra “do cuarto país máis corrupto do continente americano”, segundo o define o analista político Fernando Gualdoni.

Pero tamén queremos deixar varios interrogantes no ar: a cantos membros da curia española habería que suspender por manifestarse nas rúas e pedir o voto para un determinado partido? Acaso iso non é tamén “entrar en política”? Non son eles tamén opositores do presidente Zapatero? Opinen vostedes e deixen os seus comentarios, por favor.



22 de abr. de 2008

1 comentários :

  • Estou moi de acordo coa reflexión á que nos leva este artigo. En toda latinoamerica os relixiosos da teoloxía da liberación foron, e siguen sendo, os que traballan co pobo e padecen as mesmas inxustizas. Mais quedan relegados das coutas do poder, a súa forza está na coherencia entre o que predican e o que viven, ben lonxe das directrices do Vaticano.

    Por outra banda, ninguén nega o carisma do novo presidente de Paraguai, falta por ver que sexa tan bo xestor.

    22 de abril de 2008, 22:20

Danos a túa opinión