Darío Villanueva, membro da Real Academia Española

Redacción

Entrar a valorar se existe ou non unha peculiar idiosincrasia chairega, pola cal se lle ten outorgado a Vilalba hai xa uns anos o apelativo de “vila dos tres poderes”, pecaría, con probabilidade, dunha evidente miopía e falta de perspectiva. O que ocorre é que moitos chairegos posúen en alto grao unha característica non por elo allea aos outros habitantes do planeta: unha ilimitada curiosidade. É certo que cando esa curiosidade se proxecta cara o interior dunha vila ou aldea tende a facer seu o terenciano “homo sum, humani nihil a me alienum puto”, ou, o que é o mesmo, “son humano, e nada do humano para min é alleo”. Xa me entenden. Porén, cando esa mesma curiosidade mira cara a fora, entón é cando recolle os seus mellores froitos. E diso sabe moito Darío Villanueva (Vilalba, 1950).

Que este chairego chegase a formar parte da Real Academia Española da Lingua, ocupando o asento da letra D, era só cuestión de tempo. No seu discurso de ingreso, lido o pasado 8 de xuño, saltan á luz moitas das características que conforman a súa personalidade e traxectoria. Sobre todo revélanos esa curiosidade sempiterna da que vimos falando. O mesmo título do discurso, “O Quixote antes do cinema”, non só é boa proba delo, senón que remite precisamente á ampla variedade e, ao mesmo tempo, unidade dunha labor investigadora que, segundo o poeta Gimferrer (que lle deu a réplica no acto de toma de posesión), amosa non só “sabedoría e desvelos, senón tamén verdadeira fecundidade creativa”.

A incorporación do chairego á RAE sumaríase deste xeito a outros recentes nomeamentos que tentarían tamén achegar a institución máis á realidade lingüística dos falantes. Estamos a falar de nomes coma Javier Marías, Arturo Pérez-Reverte ou Salvador Gutiérrez. A súa longa e impecable traxectoria (cuxa relación de méritos ocuparía moito máis que todo este artigo), o seu entusiasmo, a súa paixón, a súa lucidez investigadora e, sobre todo, esa sempiterna e constante curiosidade por todo o relativo, non só á lingua e a literatura, senón tamén a moitas outras das disciplinas afíns que conforman o eido cultural, fan del o candidato idóneo para renovar dende dentro, e con sentido común, unha institución tan vella e nobre, pero que, ás veces, din algúns, cae nunha obsolescencia limitadora.
Sirvan, pois, estas breves liñas para darlle os parabéns a este chairego agora e sempre, máis que nunca, universal.

24 de xuño de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión