Xornadas de Protección do Patrimonio Cultural en Vilalba

Redacción

A Consellaría de Cultura e Deporte desenvolve un Plan de Arqueoloxía Subacuática, co que se pretende establecer o mapa galego de patrimonio arqueolóxico submarino, nun proceso continuo de ampliación con novas investigacións e estudos. Desde 2006 estanse realizando proxeccións xeofísicas e inmersións, xunto co labor de busca de información bibliográfica e documental, co obxectivo de ter un catálogo con fichas individualizadas de cada un dos xacementos que se agochan nas nosas augas, incluídos os galeóns de Rande. A Consellaría de Cultura e Deporte impulsou desde 2006 a investigación do patrimonio subacuático, coa posta en marcha do Plan e a futura apertura do Centro de Arqueoloxía Subacuática, que se ubicará nun edificio anexo ao Museo do Mar, en Alcabre (Vigo).

O centro estará incluído dentro da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, xunto co centro de interpretación do Megalitismo (situado na Costa da Morte), o da Cultura Castrexa (San Cibrao de Lás), o da Arte Rupestre (Campo Lameiro) e o da Romanización (Lugo). Pola importancia que teñen os xacementos subacuáticos en Galiza, Cultura dedicou a este tema as IV Xornadas de Protección do Patrimonio Cultural, que se desenvolven estes días en Vilalba, co obxectivo de crear un foro de debate e sensibilización entre técnicos de Patrimonio, fiscais, xuíces e corpos policiais. Na inauguración das mesmas estiveron presentes a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e o Director Xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias Vilas (na fotografía). Nas xornadas estase poñendo en común a información sobre a situación do patrimonio subacuático, as medidas impulsadas pola Consellaría para a súa protección e o papel que xuíces e fiscais deben xogar para a súa protección.

6 de xuño de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión