Cartas a Antón

Bernardo García Cendán
Meu benquerido Antón:
Supoño que estamos achegándonos ao final desta xeira de cartas que che escribo e que che leo eu mesmo nesta emisora de COPE-Vilalba na súa programación local. Creo que é o noso deber asegurarlle a todos os que nos escoitan que sempre puidemos dicir libremente o que nos apetecía sen a máis pequena interferencia por parte da dirección, cousa da que ti e máis eu estamos agradecidos: resulta agradable facer público o que pensamos sen atranco ningún.
Eu procurei transmitir fielmente todo canto ti me dicías ou me suxerías ou me impoñías, que de todo houbo, e ao mesmo tempo tiven que andar con moitas reviravoltas para que os oíntes non chegaran a descubrir a túa identidade que queres gardar celosamente. E non me estraña porque deste xeito ti estás a comer a dúas mans: aproveitas a miña escritura para facer crítica, ás veces máis dura do que eu describo, pero, ao mesmo tempo, tes á xente do concello convencida de que es un máis dos deles, e, claro está, non dubidan en te agasallar cos privilexios que lles outorgan aos seus seareiros: chapapote para os accesos á casa, cemento nos currais, puntos de luz a eito, en fin, canto lles pidas. O que non saben é que, de feito, ti non lles das o teu voto, pero actúas como se lle lo deras. Aínda que con xente coma ti, e perdoa, nunca se sabe. Eu estou convencido disto que digo da túa actuación cívica e política, pero se algún día descubro que ando trabucado, a verdade é que tería que aceptalo como algo normal, porque esa é a normalidade para xente do teu estilo, da que, por certo, hai moita aínda. Como me teñen dito os teus fillos, terei que estar preparado para que non me pareza mal, pero a ti tampouco che debe parecer mal que che estea a confiar en público esta miña desconfianza. Só teño moi claro que a túa muller vota para a esquerda e sei moi ben que ela non me engana, pero, cando lle pregunto polo que ti fas, ela non di nada, cala e pon na súa cariña un sorriso tan fermoso coma irónico.
En fin, meu Antón, o caso é que xa van aló, con esta, cento setenta e dúas cartas nas que non me privei de che dicir o que pensaba ou penso. E non agardei a que tivesen o poder en Santiago os que agora están na poltrona, tal como me dixo un malpensado, espero que non malévolo, que me escribiu un comentario anónimo sobre unha das nosas cartas. Coma ti sabes, non estou metido en ningún partido, e non o digo con fachenda porque, ao mellor debería, pero creo que con militar na Igrexa Católica teño dabondo. En todo caso, se me apuntara a algún partido, asegúroche que o faría por convencemento, e non para sacar réditos desa pertenza. Non vexo cousa máis noxenta que vender carnés de partido mediante ofertas de privilexios: un posto de traballo, unha concesión, unhas obras, subvencións persoais, amaño dun patrimonio ou cousas así. Coñezo a máis de un ao que tal acción non lle pesa. Isto a min non me gusta e así o digo, aínda que, efectivamente, ninguén está libre de ser pecador, como se di na xerga da miña igrexa coa que si comulgo, aínda que procuro ser tan crítico como debe ser calquera adulto.
E, como seguramente esta é a última carta desta xeira, vou rematar aquí. A verdade é que me apetecía comentarche esa nova da que me falabas, pero xa non teño tempo e haberá ocasión, espero, de o facer máis adiante. Refírome á noticia dunha suposta barbaridade que estarían dispostos a efectuar unha vez máis coa calidade urbanística da nosa vila. Unha das poucas casas que quedan xeitosa é a da familia de Fraga Iribarne que foi mercada para unha fundación do mesmo nome. Polo que ti me dis, parece que a queren transformar nun adefesio con sombreiro. Pero, como ti non sabes máis do asunto e eu non sei máis do que ti me dis, agardemos información máis precisa e, xa que logo, deixemos o comentario para o curso vindeiro, se temos saúde e oportunidade.

Ata sempre, e coidémonos. Unha aperta

Bernardo

4 de xul. de 2008

1 comentários :

  • Estupenda de certo a descripción do votante medio que pulula por estos lares, aquel que tira a pedra e esconde a mao.É ben certo que existen tipos de esa catadura moral, e que eu gasto o meu empeño en discutirlles que non é así. pero hai o que hai.Chócame que ainda a día de hoxe non sse atrevan a manifestarse libremente, pero estimado Bernardo xa sabes que siguen a existir.
    Agardaremos á próxima carta de Antón inpacientes.
    Mentres tanto esperemos que os que agora están a mandar en Galicia o fagan de bon xeito e non animen a que siga a haber xente que vota máis co estómago que coa cabeza.

    4 de xullo de 2008, 11:17

Danos a túa opinión