A editorial Galaxia, Medalla de Ouro de Galicia

Redacción
“A contribución da editorial Galaxia á cultura galega e defensa dos intereses de Galicia dende a súa fundación”, así como a recuperación da lingua e a cultura durante o franquismo son os motivos subliñados polo presidente da Xunta para a concesión da Medalla de Ouro de Galicia á editorial.

Na intervención posterior ao Consello da Xunta que aprobou onte a concesión da Medalla, Pérez Touriño explicou que Galaxia “sempre destinou o seu impulso e a súa orientación con comprometidos galeguistas como Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego e Xaime Illa Couto” dende a súa fundación o 25 de xullo de 1950 baixo a presidencia de Ramón Otero Pedrayo. O presidente da Xunta destacou que estas tres personalidades orientaron desde o primeiro momento a editorial co compromiso pola “recuperación da lingua e a cultura galega e ao servizo de creación de liberdade durante a ditadura franquista”.

A editorial xurdiu coa vocación de recuperar a significación histórica e o valor cultural da lingua galega na creación e na transmisión do pensamento. Antífona da Cantiga de Ramón Cabanillas foi o primeiro libro publicado pola editorial en 1951. Simultaneamente á edición dos primeiros libros, comezou a publicar a revista cultural, Cadernos Grial, que foi prohibida e non volveu a circular ata 1963. Ademais, a editorial impulsou a creación de varias fundacións culturais, como a Fundación Penzol, a Fundación Otero Pedrayo e a Fundación Illa Couto.

Durante a dirección de Carlos Casares impulsouse o deseño, a colección de literatura infantil e xuvenil, Árbore e Costa Oeste, a edición de obras de ensaio, dicionarios e gramáticas e material escolar. Así como a Biblioteca Básica da Cultura Galega que reúne en 51 títulos as obras da historia e a cultura de Galicia.

A Editorial Galaxia, que dirixe na actualidade Víctor F. Freixanes, ten editados case 2.500 volumes e un catálogo vivo de arredor dun milleiro de títulos. O catálogo recolle as obras dos autores máis significativos das letras galegas e os máis modernos. Ademais, Galaxia promove dende o ano 2000 traducións ao castelán, o inglés, o vasco, o catalán, o alemán, o francés, o italiano o grego ou o ruso. As traducións, que superan xa os 130 exemplares, xurdiron co obxectivo de espallar o coñecemento da creación cultural galega alén das nosas fronteiras.

4 de xul. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión