O Día das Letras 2009 lembrará a Ramón Piñeiro


Iago Castro

Era inevitábel que, antes ou despois, a Academia Galega tivese que abordar a figura de Ramón Piñeiro como protagonista do Día das Letras. Será en 2009, dezanove anos despois do pasamento de quen foi unha figura senlleira, pero tamén controvertida, na construción nacional de Galiza.

Nado en Láncara en 1915, ingresou nas Mocidades Galeguistas e fixo campaña activa en prol do Estatuto de 1936. A catástrofe civil levouno a combater nas ringleiras franquistas, e despois do conflito tratou de reorganizar o Partido Galeguista no interior. Detido en 1946, a partir da súa liberación pasa a defender a resistencia cultural fronte á política, enfrontado aos galeguistas históricos do exilio, e desenvolverá unha prolífica actividade neste eido dende a Editorial Galaxia.

Académico da RAG dende 1967, foi o ideólogo da opción posibillista que, ao restablecemento da democracia, levou aos galeguistas históricos (García Sabell, Fdez. Albor) a tratar de "galeguizar" os partidos políticos no canto de optar por un novo Partido Galeguista. Así, foi deputado do PSdG na primeira lexislatura.

Primeiro presidente do Consello da Cultura (1983-1990), en 1985 recibíu a Medalla Castelao. O primeiro goberno de Fraga honrou a súa memoria coa criación do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

A produción literaria de Piñeiro é ben escasa e está centrada na filosofía da saudade: Siñificado metafísico da saudade, notas para unha filosofía; Nova aproximación a unha filosofía da saudade e Filosofía da saudade.

O debate está servido, pois Piñeiro foi unha figura "maldita" para unha boa parte da esquerda nacionalista pola súa postura "cultural" fronte á loita "política" propugnada polo PSG e a UPG. Se cadra, dezanove anos non sexan suficientes para a existencia dunha perspectiva que permita a análise serea e reflexiva da importancia do personaxe na historia de Galiza. Probábelmente continúen a vagar pola ambiente os espectros daquela loita que dividiu o galeguismo a partir dos anos 60. Aínda que son dos que opinan que o entreguismo dos herdeiros do PG histórico ás forzas políticas de ámbito estatal significou un atraso para Galiza e para a súa historia recente, coido que se debería afastar do debate a cuestión política, cando menos mentres continúen vivos e activos boa parte dos protagonistas da historia. Sería desexábel, pois, que a efeméride servise para reivindicar a labor cultural da Xeración Galaxia que, cos seus erros -errare humanum est- e os seus acertos, mantivo viva a chama da cultura galega durante a longa noite de pedra.

SUSCRITOR D´A VOZ DE VILALBA

Redacción
Ramón Piñeiro foi un dos moitos suscritores do noso xornal nos anos oitenta, dende que un día chegou a Vilalba na procura de novas sobre unha nova publicación local da que oíra falar. A partir de entón, recibiu puntualmente no seu domicilio compostelán A Voz de Vilalba até a fin da publicación, en 1986.

Por iso, pero sobre todo pola súa longa traxectoria como activista en prol da cultura galega, congratulámonos e unímonos á homenaxe que lle renderá a Academia no vindeiro ano 2009.

6 de xul. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión