Política Lingüística selecciona profesores lectores de galego para dez universidades de fóra de Galicia

Redacción

A Secretaría Xeral de Política Lingüística culmina hoxe a selección de dez profesores lectores de Lingua, Literatura e Cultura galegas que se incorporarán a centros de estudos galegos existentes en universidades de España e do estranxeiro. Para estas prazas, recibíronse solicitudes por parte de preto de 30 persoas.

Estes lectores actúan como reforzo neses centros e, como complemento á súa actividade formativa, responsabilízanse de tarefas de docencia, investigación e promoción da Lingua, a Literatura e a Cultura galegas. Cinco das bolsas que vai adxudicar Política Lingüística son para universidades do Estado español, concretamente para a Complutense de Madrid, a Universidade de Barcelona, a de Granada, a de Murcia e a de Deusto, en Bilbao. As cinco restantes correspóndense coas facultades de Heidelberg, en Alemaña; Algarve de Faro e Minho de Braga, en Portugal; e Padua e Roma, en Italia.

A comisión encargada de valorar os méritos e de facer as entrevistas da fase definitiva está presidida pola Subdirectora Xeral de Política Lingüística, Cristina Rubal, e dela forman parte, entre outros membros, os responsables dos centros de estudos galegos nos que se van incorporar os dez lectores mencionados.

As persoas seleccionadas serán nomeadas para unha primeira estadía que abranguerá o curso académico 2008-09. Este período inicial poderase ir renovando sucesivamente por cursos académicos, ata completar unha estadía máxima total de tres cursos. Os nomeamentos faranse efectivos con data de 1 de outubro deste ano.

Os lectores que se incorporarán a centros de estudos galegos situados en universidades de España percibirán no 2008 unha asignación mensual de 1.124 euros, mentres que os que impartirán docencia no estranxeiro terán unha asignación ao mes de 1.277 euros.
Os resultados da selección destes dez lectores sairán publicados no taboleiro de anuncios e na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como no Diario Oficial de Galicia.

17 de xul. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión