Adeus a Virxílio Viéitez

Paulo Naseiro


Virxilio Viéitez (Soutelo de Montes, 1930), un dos máis destacados e, até hai pouco tempo, descoñecidos fotógrafos de Galiza, finou a pasada semana aos 78 anos de idade.

De formación prácticamente autodidacta, como fotógrafo comercial retratou toda a vida da Terra de Montes entre os anos 50 e 70, deixándonos un precioso material que o sitúa á altura dos mellores artistas do século XX.

Desbotou o estudo como fondo para o retrato e fotografou as personaxes no seu entorno habitual, compoñendo unha fermosa descrición plástica do tempo que lle tocou vivir. Son maxistrais os seus retratos con fondos ou elementos vexetais, dende unha verza a un ramo de flores, ou os que teñen como fondo os inmensos “haigas” dos emigrantes que retornaban á terra presumindo de prosperidade. Así, case toda a súa obra é exterior, cun forte dominio da composición e da iluminación, e a pesares de seren imaxes dunha case total frontalidade e estaticidade, consegue lograr unha grande expresividade nos suxeitos que retrata. Hai tamén en toda a súa obra unha saudade que Viéitez trataba de capturar alén do retrato da persoa, o que lle dá unha forza especial.

O mesmo Virxilio declaraba en 1998 a A Nosa Terra: “A min gostoume sempre a fotografia natural non as poses pactadas. Estudaba á xente e o seu carácter , miraba as luces e procuraba sacar a realidade da vida.Despois coa técnica de laboratório tentabas sacar aquela vida que tiña a foto para fóra. É certo que coñeciamos moi ben os materiais e que, en certo sentido, os que se usaban en branco e negro eran mellores que os de hoxe”.

A súa obra comezou a ser apreciada pola crítica a raíz da exposición organizada hai dez anos pola Fotobienal de Vigo, que comisariou a súa filla Henriqueta, e foi estudada e posta en valor polos profesores Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal.
Fotografía superior: Último retrato de Virxilio. Keta Viéitez

Fotografía inferior: Virxilio Viéitez



17 de xul. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión