Presentación do novo libro de Alvite en Compostela

Mike Richardson, José Luís Alvite e Moncho Paz (Foto: Perfecto Conde)

Redacción


Na noite de onte tivo lugar en Compostela a presentación do terceiro libro do xornalista José Luís Alvite, Áspero y sentimental (Ézaro Ediciones, 2008). O acto tivo lugar no Club de Jazz Dado Dadá e reuniu a máis de cincoenta amigos, admiradores e coñecedores do seu peculiar universo. O libro foi presentado polo xornalista Lorenzo Díaz e o director xeral da editorial, Alejandro Diéguez, que deron algunhas pinceladas sobre o autor e a súa última obra. En Áspero y sentimental, Alvite describe a súa propia vida cunha crudeza similar á que soe empregar para referirse aos personaxes do Savoy. Irónico e pesimista, introdúcenos no seu universo nocturno e fálanos da súa vida e do seu contorno, na realidade e na ficción, sen que -en moitos dos casos- saibamos se os protagonistas pertencen a un mundo ou a outro.

Fiel retratista dos recunchos máis descoñecidos da alma humana, Alvite da novamente testemuña do seu característico estilo, co que xa sorprendeu á crítica e ao público nos seus anteriores libros, tamén editados por Ézaro: Historias del Savoy (2005), con prólogo de Carlos Herrera e epílogo de David Gistau; e Almas del nueve largo (2007), con prólogo de Lorenzo Díaz e epílogo de Perfecto Conde. Recomendamos a leitura da triloxía.

18 de xul. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión