O director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela -na fotografía- e o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial de Lugo, Xosé Antón Bao, asinaron onte un protocolo de colaboración coa finalidade de protexer, difundir e transmitir a música tradicional galega. Ao acto, que tivo lugar no Centro Residencial LUG, tamén asistiu a delegada provincial da Vicepresidencia da Xunta, Branca Rodríguez Pazos.
A través deste acordo, a Vicepresidencia e a Deputación de Lugo porán en marcha a Escola de Música Tradicional nas instalacións do Centro Residencial Xuvenil. A escola estará dirixida pola Asociación de Gaiteiros Galegos.
A Deputación de Lugo e a Dirección Xeral de Xuventude consideran prioritaria a promoción do estudo da música tradicional galega entre a mocidade, unha parte fundamental do patrimonio que hai que conservar e expandir a través dun ensino de calidade en centros que conten cos recursos e o persoal axeitados. Ademais da apertura da escola, organizaranse actividades relacionadas co folclore galego.
A Escola de Música Tradicional a cargo da Asociación de Gaiteiros Galegos está orientada principalmente á mocidade lucense para garantir o seu desenvolvemento integral, potenciando as actividades culturais da mocidade como un complemento a súa formación, máis alá dos programas educativos.
0 comentários :
Danos a túa opinión