Tendencias

Por César Reis

Unha das aplicacións máis orixinal, aínda que quizais menos coñecida de Google é a chamada Google Trends que, como o seu propio nome indica, ofrece as “tendencias” da rede, é dicir, das procuras que se fan a través deste buscador que, desde a súa creación en 1998, é, con diferenza, o máis empregado polos internautas (máis dun 95 %).

Desde que comezou a funcionar en 2006, a opción Trends infórmanos da cantidade de veces que alguén teclea en Google unha verba concreta. O mellor de todo é que esta información pode fragmentarse no espacio e no tempo de xeito que é doado coñecer se nun lugar concreto do mundo escollido por nós, e nun mes concreto (só se conservan as buscas dende 2004), alguén fixo a pesquisa da verba escollida.

Galicia
Por exemplo, poñendo no buscador “Galicia” e tomando a opción de “all regions” e “all years” (a que vén por defecto) observamos que, desde 2004, os dous países onde máis se tecleou foron España e Arxentina (o segundo con algo menos da metade) e, a grande distancia deles, Reino Unido e os Estados Unidos. As cidades que máis a procuraron foron Compostela e A Coruña, seguidas, cunha diferenza considerable, por Madrid, Bos Aires e Barcelona. O idioma máis empregado nestas pesquisas foi, coma non, o galego e, tras del, o castelán, o portugués e o inglés. Por outra banda, os picos da gráfica indícannos os intres nos que a procura “Galicia” foi maior, vindo a coincidir xustamente coas eleccións galegas de 2005, así como coa chegada da tormenta tropical Gordon ás nosas costas en 2006, por citares un par deles.

Pero clicando sobre as rexións concretas ou seleccionando unha delas na parte superior dereita do buscador, pódense obter resultados máis fragmentados e, por elo, curiosos dabondo. Por exemplo, e seguindo coa mesma verba, observamos que nos Estados Unidos, “Galicia” procúrase máis no estado de Virxinia, seguido de New Jersey, California, Connecticut, Kansas, New York, etc. E as dúas cidades onde máis curiosidade xera (terán quizais maior número de galegos?) son Milpitas, en California, e Sterling, Virxinia. O certo é que tal vez cómpre lembrar aquí que “Nueva Galicia” era o nome dun territorio da América recén colonizda, perto da actual California, que abarcaba varios estados do que hoxe é México. En fin, no que incumbe ao idioma, no país da cocacola, iso si, o castelán destaca con moitísima diferenza con respecto ao inglés.

Comparacións
Pero Google Trends permite facer tamén comparacións, e esa é unha das opcións máis sorprendentes. Vexan un exemplo: se poñemos “Galicia, Galiza” (tema suxerido na última enquisa de A Voz de Vilalba), comprobamos que as buscas feitas por "Galiza" son prácticamente inexistentes, aínda fragmentando o campo de acción á propia comunidade galega, malia que, iso si, percíbese un (aínda que moi lixeiro) número maior de casos de “Galiza” cando estas buscas son en galego (as máis), frente ás feitas en castelán ou inglés.
En realidade, as pesquisas que un pode facer a fin de coñecer que e onde se procuran os máis extravagantes termos tenden ao infinito. Proben e, ao mellor, levan sorpresas. Por exemplo, se poñemos “Vilalba”, vese que o maior número de buscas está en galego e corresponde a Santiago e A Coruña, algo quizáis rechamante se temos en conta que é unha poboación da provincia de Lugo. Por “Terra Chá” sorprende ver que, despois de España, o número máis alto de buscas feitas está en Colombia, Chile, Portugal ou, de novo, Arxentina. Pero máis sorprende comprobar que por “Chaira” quen sae á cabeza é Malta, seguido de Colombia, Italia ou Holanda, sendo o idioma máis empregado o italiano. Tal vez aclare algo saber que en Colombia, na provincia de Caquetá existe unha poboación que é Cartagena del Chaira. Tamén que a Miss Italia do 2004 chamábase, precisamente, Chiara Chiabotto e que, en calquera caso ese nome, Chiara (moi semellante, xa que logo), é abondo común en Italia.

Curiosidades
Outras buscas curiosas revélannos que a palabra “botellón” tecléase, sobre todo, en Sevilla e A Coruña. “Galipedia” apenas se busca, en Galicia e pouco máis, e “Normalización lingüística” non xera resultados suficientes, pero “normalización”, a secas, ten a Compostela, con diferenza, como a cidade do mundo onde máis se ten procurado. “Eurocopa”, que ten dous picos na gráfica ben claros (2004 e 2008), tecleouse, probablemente a raíz da traxectoria con victoria final da selección, máis en Bilbao que en ningún outro lugar do mundo, mentres que “inmigración” semella preocupar máis nas Palmas de Gran Canaria e Sevilla que no resto do territorio. Pola súa banda o termo vinculado ao terrorismo islámico “Al Qaida” tecleouse preferentemente en tres países árabes, Arxelia, Marrocos e Pakistán, seguidos doutros tres da Europa do Norde, Suecia, Noruega e Finlandia (quizais polo asunto das caricaturas). “Cambio climático” xera máis resultados para Costa Rica, España ou México, mentres que “Bolonia” ou “Plan Bolonia” non dan os suficientes en ningún dos casos para seres destacados polo buscador, o cal indica que, a pesares da polémica, este asunto non está, nin moito menos, entre as principais preocupacións dos universitarios.

“Empanada” lévase a palma (non podía ser doutro xeito) en Galicia e na nosa lingua. O mesmo ocorre con “ribeiro”. Porén “albariño” non da resultados, nin “aturuxo”, “Cunqueiro”, “Méndez Ferrín”, “Curros Enríquez” ou “Celso Emilio Ferreiro”, aínda que si “Castelao”, “Rosalía de Castro” ou “Manuel Rivas”.

Conclusións
En fin, xoguen vostedes con estas e outras verbas máis que se lles ocorran. Pode ser un entretemento coma outro calquera para as tediosas e calurosas tardes do verán. Aínda que algún xa lle ten buscado outras utilidades máis prácticas: coma ferramenta para a socioloxía, a psicoloxía ou a política, amén, por suposto, do uso comercial que supón coñecer que termos teñen máis posibilidades de seren buscados en diferentes lugares do mundo. Ata haberá quen suxira que pode ser un axeitado instrumento de control por parte de determinados estados aos que non lles vai custar moito comprobar como, por poñer un exemplo, “Hollywood” pode ser (fagan a proba) unha palabra moi tecleada en Irán coincidindo coa ceremonia de entrega dos Oscar.



cesar.reis.alveiros@gmail.com

3 de xul. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión