A Mesa leva ao Parlamento a súa análise sobre a situación do galego entre a xente nova


Redacción

Fran Rei García, Responsable da Mocidade pola Normalización Lingüística -sección xuvenil da Mesa- compareceu onte na Comisión parlamentaria para o estudo da situación da mocidade en Galicia, en nome do colectivo xuvenil da asociación cidadá en defensa da lingua, en resposta ao convite efectuado pola propia institución autonómica.

Rei, que agradeceu ao Parlamento e aos seus grupos políticos a “oportunidade” de poder trasladar á sede da Cámara autonómica “as análises da Mocidade pola Normalización e as súas demandas e alternativas”, expuxo durante parte da súa intervención “a complexa e preocupante situación que a lingua galega vive nun ámbito como o da mocidade” á luz dos datos ofrecidos polos diferentes estudos e traballos sociolingüísticos, “que para as deputadas e deputados do Parlamento non serán nin moito menos novos ou inauditos”, asegurou Rei.

Unha situación que, como repite unha e outra vez cada novo estudo que se elabora ao respecto, debuxa “un panorama certamente hipotecado para a lingua galega a medio prazo” que soamente se pode explicar “pola pervivencia, mesmo aceleración, do conflito lingüístico que condena o galego á súa subordinación” e polo “evidente fracaso” da política lingüística oficial desenvolvida nas últimas décadas, a cal, en non poucas ocasións, “nin tan sequera pode ser merecente de tal nome”, en opinión do responsable do colectivo xuvenil da Mesa.

Rei García caracterizou a actual etapa que o galego vive entre a xente máis nova do país en base á “aceleración desmedida do proceso de substitución lingüística do galego en favor do castelán en practicamente todos os ámbitos”; a “ruptura acelerada do proceso de transmisión interxeracional da lingua no eido familiar”; a “marxinalización” e “atomización” a que ficou reducido o uso da lingua propia do país nas persoas menores de 30 anos nos espazos urbanos e, “cada vez máis”, nos vilegos; ou a progresiva “estranxeirización” que vive o galego entre amplos sectores da poboación xuvenil, que en ocasións teñen xa “máis familiaridade co inglés que co galego” e que, como moitas veces se evidencia, “non son quen de manter unha conversa minimamente fluída nin de ler un texto en galego cunha mínima corrección".

2 de xul. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión