O esperma dos galegos é o de mellor calidade do Estado español


Redacción

A calidade do seme dos galegos é mellor que a da media do resto de españois, xa que só un 8,5 por cento dos mozos presentan unha concentración anormal de espermatozoides, segundo se desprende dos resultados dun estudo coordinado polo Servizo de Reprodución Asistida do Instituto Marqués que aparecen publicados no último número da revista Andrology. No conxunto do Estado, un 57,8 por cento dos mozos españois presentan subfertilidade debido a que a calidade do seu seme é anormal polo volume, a mobilidade e concentración de espermatozoides.

A investigación realizouse en máis de 60 centros de reprodución asistida de todo o Estado español e recompilou datos dun total de 1.239 mozos de entre 18 e 30 anos que se presentaron voluntariamente. Destes, tívose en conta o volume do seme, que segundo considera a Organización Mundial da Saúde (OMS) debe ser de máis de 2 mililitros; a mobilidade dos espermatozoides, que ha de superar o 50 por cento; e a concentración ou oligospermia.

Tendo en conta este último parámetro -considerado o máis importante polos especialistas por ser un indicador de futura fertilidade-, a OMS considera que a concentración normal debe ser de máis de 20 millóns de espermatozoides por centímetro cúbico, cantidade á que en España non chega un 17,5 por cento dos mozos. Ademais, na concentración de espermatozoides atópanse diferenzas significativas entre unhas comunidades autónomas, xa que fronte ó parámetro de Galicia de que só un 8,5 por cento dos mozos presentan unha concentración anormal, na Comunidade Valenciana a porcentaxe ascende ata o 22 por cento.

Outras comunidades onde hai menos mozos que non alcanzan os mínimos establecidos pola Organización Mundial da Saúde son Andalucía (13,7 por cento) e Madrid (14,8 por cento), mentres que en Euskadi e Cataluña, o número de mozos con concentración anormal de espermatozoides é do 18,7 e do 22,7 por cento, respectivamente.

3 de out. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión