Hai días entereime do pasamento dun veciño da vilalbesa Porta de Cima que, por rexentar un establecemento comercial durante moitos anos, tivera relación coa maioría dos vilalbeses. Para todos era o Tito de Ramudo, que en tempos atendera a tanta xente na ferretería que a súa familia tiña aberta no primeiro tramo da nosa rúa vindo da praza da igrexa.
Había ferreterías na carretera, pero a da Porta de Cima quedaba máis preto de todos os da zona, prestando un servizo inestimable, xa que daquela para ir á carretera había que dispoñerse, e moitas veces ata cambiar de roupa.
Os titulares do negocio eran os irmáns Ramudo, que tiñan con eles ao seu sobriño, Tito. Do tío, non lembro o nome, pero da tía si sei que se chamaba Mercedes Cascudo Cascudo, e naquel tempo no que non se sabía case nada do pasado, había a lenda urbana de que fora concelleira, e durante un tempo alcaldesa, cousa incrible porque viviamos nun tempo en que a muller non se ocupaba ou non lle deixaban ocuparse destes mesteres.
Resultou ser que si, que Mercedes Ramudo fora concelleira en Vilalba no tempo da dictadura do xeneral Primo de Rivera, e que rematada a guerra –naquel tempo convulso- fora alcaldesa entre 1939 e 1941, sendo das primeiras alcaldesas de Galicia e de España. O feito era notable, pero parecía como se ninguén tivese moito interese en que se soubese que unha muller fora alcadesa de Vilalba nun tempo en que as mulleres tiñan asignados outros cometidos e prácticamente vedados os terreos universitario ou político.
A vida de Mercedes transcurríu logo placidamente na súa ferretería, onde os tres titulares atendían unha clientela humilde e numerosa da que algunha vez, hai moito tempo, formei parte.
O inexorable paso do tempo levou aos tíos, á ferretería, e agora ao sobriño, para que formen parte todos eles da intrahistoria vilalbesa, conformada por innumerables feitos que todos xuntos marcan un tempo e unha xente. Pero se o establecemento e os seus titulares pode quedar no esquecemento, agora ou dentro dun tempo, o feito de que Mercedes Ramudo foi alcaldesa de Vilalba hai agora setenta e cinco anos, marca un fito histórico que debemos lembrar agora e no futuro.
Foto: Jorge Lens
Said
Moitas grazas pola lembranza.
Un sobriño do Tito de Ramudo