(Re)estreamos cabeceira

Redacción

Ámase ou ódiase, pero non deixa indiferente a case ninguén. A pesares da súa apariencia moderna, a tipografía Helvética ou Neue Haas Grotesk, deseñada polo suízo Max Miedinger para a fundición Haas'sche Schriftgießerei xa ten 50 anos. Está presente nas nosas vidas nunha escala só comparable, se acaso, coa Times New Roman, e se non comproben: folletos, cartaces, sinaléctica, revistas...

A Helvética transmite seguridade e profesionalidade, firmeza e sinxeleza. Un documental e unha mostra no Museum of Modern Art de Nova Iorque conmemoraron o aniversario da exitosa tipografía "de pau", sen serifas, esa especie de rabos que alongan os extremos das letras.

Compuxo, en 1983, a primeira cabeceira de A Voz de Vilalba, sen máis medios para o deseño gráfico ca un bolígrafo sen tinta, pulso e clixés para multicopista. A parella de feito entre a Helvética e AVV durou, en principio, cinco números do xornal, xa que o nº 6 estreaba unha cabeceira gótica. Volvemos no 13 ás liñas sinxelas dunha Helvética extraordinariamente condensada, cortesía do amigo Sera, tipografía que con a penas variacións usa hoxe en día a nosa edición en papel.

Quixemos sumarnos á efeméride retomando a pureza de liñas desta tipografía para a cabeceira de avozdevilalba.com e máis para a revista pdf mensual do mesmo nome, en tons azuis e sen adobíos. Facilita a identificación do xornal, dálle un toque de elegancia e crea unha imaxe inequívoca. Benvida de novo, Helvética.

14 de out. de 2008

1 comentários :

Danos a túa opinión