Achégate ao libro, agarima a portada, sorpréndete coa fotografía que presaxia un naufraxio, pero pero pero a risa (a risa!), fíxate na risa, fíxate no agarimo nu estourando en esperanza.
Entre os versos (do eu fragmentado) ata o último verso (para que non esqueza) preséntase un memorial do corpo, do seu corpo testemuño de batallas.
O meu corpo, o meu corpo, o meu corpo é un memorial que transcende, faise medo, denuncia, corpo das inxustizas, de todas as violencias.
As emocións flúen, voan coas ás da estirpe, sendo un canto refundido de liberdade, de consciente liberdade: “sometida unicamente a aquilo que me medra”. Desbócase na boca este poema e a emoción non deixa de empurrar a súa lectura unha e outra vez, sinto ansia por ter ás para voar entre as estrofas, e afogo.
Cada poema é un mundo, cada verso é inabarcábel, coa fondura nas esencias, rabuñando a flor da pel, facéndose sangue.
E bótome e navego e entendo tódalas cousas coa súa voz, coa súa luz iluminándome de fronte, cegándome na complicidade do naufraxio, en concederme a dita dos seus versos, a súa íntima e acolledora lectura.
E choro, e choro unha vez máis coma nunha emoción de furia onde Brunelleschi caería derrotado. E arrástrome cos versos anódino, non querendo perder palabra, afogándome en cada sílaba, abortando o afago sen comas.
Mans baleiras, chama negra que reclama, feixes de anáforas nunha constante nostalxia que me leva ao “Cartafol de Nostalxias” de Mª Xosé Lamas: para cando o tempo non vaia, para que non haxa tempo e quédome preso nestes versos:
“Cando xa non haxa tempo que valla
abondaría a certeza de termos existido
de sermos legado
en que nos ama”
Sigo no andar do camiño, pendurado nos versos e vou de sorpresa en sorpresa, e non podo ocultarme, non podo agocharme entre al imaxes, nas metáforas que me desbordan, me abordan e me rouban o botín.
E desarmado e espido, na intemperie, miro de cara á luz. De fronte como me piden as tempestades.
Continuo con camiños, nos himnos do (des)amor, da dor, do nosoutros, na fenda...
Ti lector, que nunca liches poesía, aquí tes a escusa perfecta para comezar, para medrar como humano. Faino sen anestesia, disposto a abrirte de carnes, a afondar no teu corazón, na vísceras que saben ata onde estas disposto a amar.
0 comentários :
Danos a túa opinión