Vilalba 1929

Redacción

Exemplos recentes como o da dixitalización dos fondos da Real Academia Galega el o Catálogo Castelao son boa proba de que no eido cultural as aplicacións das novas tecnoloxías poden ter un uso máis que desexable. Dalgún xeito, quizáis aínda impreciso, isto irá achegándonos a converter algún día a Internet nunha especie de grande biblioteca (aquela “Biblioteca de Babel” imaxinada por Borges) ou nun museo dixital, accesibles para calquera que, por diversas circunstancias non poda achegarse a os lugares onde se atopan os documentos orixinais ou as obras de arte que se desexen consultar.

Dentro dos cada vez máis numerosos programas e proxectos que participan na dixitalización de arquivos (ben sexan de libros, imaxes, vídeos, audio, etc.) impulsados polos organismos, institucións ou bibliotecas téñense procurado sempre dous obxectivos primordiais coma mínimo: a mellora nas condicións de accesibilidade e a conservación. Ámbolos dous por razóns obvias: o primeiro, porque un documento dixital ten dispoñibilidade para moitos usuarios ao mesmo tempo en calquera lugar do mundo e en calquer momento do día (ou da noite); o segundo, por cuestións lóxicas de preservación dos efectos da manipulación física dos documentos ou obras artísticas orixinais.

No que atinxe a Vilalba, concretamente, o Instituto de Estudos Chairegos anda a facer unha grande labor (non sabemos se sempre recoñecida) no referente á conservación dos fondos fotográficos privados e públicos relacionados coa vila e a bisbarra. Tal vez sería xa o momento de engadir a estes fondos un arquivo tamén dixitalizado de imaxes en movemento (vídeos, películas…), así como de arquivos de son. Non hai dúbida de que o poder da imaxe fixa, pero tamén en movemento, ten sido crucial ao longo de todo o século XX, nos grandes acontecementos da Historia, pero tamén na intrahistoria que todos nos imos construíndo día a día.

En fin, todo isto é doado propoñelo, pero non tanto facelo e para iso compriría unha aposta firme por parte das institucións (Concello, Diputación, Consellería...) para levalo a bo termo.

23 de nov. de 2008

2 comentários :

  • A labor do IESCHA, polo que sinto un gran aprezo e agarimo, nunca será recoñecida xa que non comulgan coa "oficialidade vilalbesista". Fixeron moitas cousas, traballan moi ben, carecen de calquera tipo de sectarismo, pero encóntranse cos do non, nun pobo ao que se lle pode querer moito sen ser chauvinista vilalbesista coma é o caso de Manolo e Paco Roca, Novo Cazón, ou Chema Felpeto, pero nunca serán recoñecidos na medida en que o merecen, cando lles negan subvencións, apoios e outros asuntos que se necesitan para facer unha labor máis apropiada, digo o de máis, porque xa facela de por si ten moitísimo mérito, a pesar dos atrancos e os paos nas rodas que lles levan postos.

    Unha aperta para todos. Dende as Rías Baixas.

    24 de novembro de 2008, 10:56

  • Non importa amigo anónimo, a cultura está por enriba de mediocres que o único que buscan é medrar. E se non escoita con atención as declaracións do noso alcalde á Radio Galega o día 26 sobre as 11 horas; dende logo autoestima non lle falta,...e desvervonza tampouco.
    Unha aperta tamén dende o mesmo centro de Vilalba.
    Alberte

    28 de novembro de 2008, 00:42

Danos a túa opinión