Redacción
O fotoxornalista José Cendón, recén chegado do continente africano, convocou a todos os medios galegos e estatais nun encontro organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e que tivo lugar esta mañá no Club Internacional de Prensa en Compostela. Nel agradeceu o interese da sociedade -en particular da galega- polo acontecido e polo respecto con que foi tratada a súa familia.
Á súa chegada á capital galega, o fotógrafo quixo atender en roda de prensa aos xornalistas que tan de cerca seguiron o seu secuestro e agradecer o seguemento e a preocupación que suscitou entre a cidadanía. O acto foi aberto polo decano o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro, que reiterou a súa satisfación pola liberación do fotógrafo e do seu compañeiro Colin Freeman.
O decano do CPXG sinalou que ‘casos como o de José Cendón fainos saber que os grandes xornalistas son os que contan as historias que de verdade importan e que as veces son historias tan dramáticas que nos pechamos os ollos para que non nos fagan dano e desgraciadamente as veces teñen que pasar feitos como estes, que alí son cotiáns, para que nos demos conta do que acontece no mundo’.
O fotógrafo José Cendón quixo, en primeiro lugar, pedir desculpas pola preocupación creada a raiz do seu secuestro. Amosouse abrumado pola convocatoria e agradeceu a todas as persoas, institucións, medios e entidades, pola implicación no acontecido. Cendón narrou que a maior preocupación, tanto del como de Colin Freeman, era que a loita entre bandas rivais, fixera que mudasen de captores. Tamén explicou que o Ministerio de Seguridade ‘encasquetoulles’ uns gardacostas que lles poñían dificultades para realizar o seu traballo, pero o último día os remplazaron. Foron estes mesmo gardacostas os que materializon o secuestro, así como o seu guía en Somalia.
Non descarta a implicación do Ministerio de Seguridade no acontecido, así como outras persoas, pero sinalou que os captores non tiñan relación directa cos piratas, ‘é xente somalí quen sabe realmente quen eran os secuestradores’. Non sabe que clan foi o artífice do seu secuestro dado que a información é moi contradictoria, pero está a recopilar toda a información posible para aclaralo.
José Cendón voltará a Etiopía nos próximos meses, dado que para el o xornalismo ‘é contar as cousas importantes e non hai nada máis importante que o sufrimento das persoas’. De momento vaise tomar unhas vacacións e logo voltará ao traballo. Entre os seus proxectos está dar o salto a latinoameríca onde tiña previsto ir en setembro, pero co acontecido posporano ata principios do 2010.
Na roda de prensa, o fotógrafo estivo acompañado tamén pola súa irmá Julia, e por Luis Menéndez Villalba, Presidente da Asociación de Periodistas de Santiago. Tamén estivo presente o seu pai, Julio Cendón, quen preferiu quedarse nun segundo plano.
José Cendón naceu en Compostela hai 34 anos. Estudou Ciencias Económicas, Xornalismo e Cinema. Entre 2002 e 2004 traballou como fotógrafo freelance en Colombia, Venezuela, Israel e Palestina. Dende o ano 2004 traballa no leste de África. En 2007 recibiu o World Press Photo Awards. O seu traballo apareceu en publicacións como Time, Newsweek, New York Times, Stern, Internazionale entre outras. Actualmente vive en Etiopía (Adís Abeba) onde traballa para a axencia France Press.
Said
Os meus Parabéns para Cendón, os reporteiros de guerra son auténticos heroes, grazas a eles podemos coñecer o que pasa cando hai enfrentamentos tan cruentos como os que están a acontecer en Gaza.