Aforrar na conta da luz


Xulio Xiz

Para os administrados é un misterio o funcionamento das administracións, desde as europeas ata os concellos. E dentro dos concellos, a todos nos quedan lonxe os capítulos nos que se distribúe o gasto, os temas nos que os concellos invisten os orzamentos.

E ás veces unha nova, petición ou decisión municipal pon en evidencia determinada partida na que nin siquiera se nos ocorría pensar, quizais porque as partidas teñen nomes difíciles de interpretar.

Hai varios meses, o Alcalde de Vilalba declarou que se estudiaba a posibilidade de reducir o horario da iluminación pública nocturna nas rúas, co fin de abaratar a correspondente factura. Entón enterámonos de que por alumeado público o Concello ten que aboar anualmente máis de seiscentos mil euros, cen millóns das antigas pesetas.

A medida consistía en que desde a unha ás cinco da mañá se apagasen as 2.000 farolas do casco urbano ou parte delas, e deste xeito aforrar ata cen mil euros ó ano, algo maís de dezaseis millóns de pesetas. O tema non afectaría ás outras dúas mil farolas da zona rural.

Cando se fala destas cantidades está ben facer cálculos e aforrar o que se poida, sempre que a escuridade non sexa perxudicial para os viandantes que aínda que sexan poucos teñen todo o dereito a andar polas rúas sen perigo para o seu físico.

Este tema planteouse o pasado setembro pero veumo recordar a inclusión, por parte do Concello vilalbés, dunha partida no actual presuposto de 36.000 euros –seis millóns de pesetas- para renovar as cento vinte farolas ornamentais do casco antigo, ben porque estea en mal estado a súa estrutura ou porque faciliten unha luz deficiente. As novas farolas terán xa incorporados dispositivos que permitan aforrar un vinte por cento de enerxía.

Non sei se esto supón abandoar o antigo proxecto, ou xa está poñendo en práctica e esto só é un paso máis na súa consecución. So desexo que eses cen millóns de pesetas que se viñan gastando ó ano en alumeado público se reduzan sustancialmente porque aínda que sempre serán ben empregados se se utilizan na iluminación e seguridade nocturnas de Vilalba, coido que para todo o que poida aforrarse hai moitos furados que tapar, nos que aplicar ese aforro de forma xeitosa.

11 de feb. de 2009

1 comentários :

  • Estou de acordo en que hai que procurar non gastar de xeito indiscriminado e evitar así o despilfarro dos cartos de todos.
    O que a min me preocupa máis, e que de ser certo o que escribe Xulio Xiz, sacase en conclusión e xa hai tempo que eu así o penso; que até o de agora se gastou innecesariamente.
    Calquer persoa normal, na súa casa, procura aforrar o que pode en tanto non lle seña malo polo motivo que sexa.
    Así logo, e non me refiro só ó Concello de Vilalba, podendo aforrar gastos luminosos ou de outro tipo, até o de agora estiveron gastando mal os impostos que todos aportamos á nosa caixa común.Semella que só a crise, pon a imaxinación a traballar para aforrar, e non debe ser así; polo tanto aqueles que distribuien as nosas aportacións ás arcas públicas, deben tomar medidas correctoras, usando os medios necesarios para aforrar en todoslos eidos económicos.

    FENDETESTAS

    12 de febreiro de 2009, 17:00

Danos a túa opinión